O Concello de Mondoñedo responde ás críticas do PSOE pola recollida de enseres

O Concello de Mondoñedo respondeu con firmeza ás críticas do PSOE local despois de que este utilizase unha fotografía para cuestionar a xestión municipal en materia de limpeza. Dende o goberno municipal explicaron que se trata dunha imaxe tomada “xusto despois da recollida mensual de enseres que realizamos con medios propios”, polo que consideran que se empregou “de maneira interesada para desprestixiar”.
Segundo apuntaron fontes municipais, esa instantánea non amosa a realidade do servizo: “Despois de cada recollida procédese á selección e ao tratamento dos materiais para a súa reciclaxe, algo que non queda reflectido nunha simple foto feita a mala fe”.
O executivo mindoniense recordou que, con esforzo e cos recursos limitados dun municipio pequeno, este servizo lévase a cabo con regularidade e de forma responsable. “O que se pretende é que todos os materiais teñan o seu debido proceso de xestión ambiental, garantindo un resultado sostible”, subliñaron.