O Concello de Mondoñedo reivindica a súa planificación nas limpezas das canles dos Muíños

O Concello de Mondoñedo respondeu ás críticas da oposición socialista en relación co estado das canles no barrio dos Muíños. Desde o equipo de goberno lembran que estas limpezas están programadas con regularidade e que se executan cada ano seguindo un calendario establecido.
En concreto, sinalan que se realizan tres intervencións anuais: unha antes do inicio das choivas, outra ao rematar o período de precipitacións e unha terceira no mes de xullo, coincidindo coa tempada alta do turismo, co obxectivo de ofrecer “a mellor imaxe posible da cidade nun momento de gran afluencia de visitantes”.
O executivo lamenta que cada vez que se acometen estes traballos, “a peor oposición da historia de Mondoñedo” acuda unicamente a sacar fotografías e criticar, en lugar de presentar propostas construtivas. “Con este comportamento só contribúen a danar a imaxe da nosa cidade, que desde o goberno local e co apoio do tecido asociativo tentamos mellorar día a día”, engaden.
Ademais, lembran que cando o PSOE formou parte do goberno local, “a situación das canles non era mellor, xa que non existía un calendario planificado de limpezas como o que hoxe está en marcha”. Por iso, consideran que os socialistas lanzan mensaxes ao aire “sen achegar solucións reais, probablemente porque non as teñen”.
Finalmente, o equipo de goberno subliña que continuará co seu labor con planificación e responsabilidade, priorizando o mantemento das canles, o coidado do patrimonio e a boa imaxe de Mondoñedo.