O Concello de Mondoñedo presenta os premios de poesía Leiras Pulpeiro e Díaz Jácome
O Concello de Mondoñedo sacou á luz os tradicionais premios de poesía que levan os nomes de dous grandes creadores da cidade episcopal.
Trátase, en primeiro lugar, do Premio de Poesía Leiras Pulpeiro, que acada a súa edición décimo terceira, e ao que pode concorrer calquera persoa que presente a súa obra en lingua galega. Os poemas a presentar terán que ser orixinais e inéditos tanto en soporte impreso coma dixital e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior á deliberación do Xurado. As composicións serán dunha extensión máxima de 150 versos de temática libre e poderán achegarse ao Concello de Mondoñedo, ata o día 18 de outubro deste ano.
Este certame está dotado con tres premios: 1º de 1.500 euros, 2º de 600 euros e 3º de 300, placa e diploma
E, en segundo lugar, presentouse tamén o Premio de Poesía Díaz Jácome, que, neste caso, acada a súa vixésimo quinta edición, e, como é habitual, vai destinado a novas e novos creadores que non teñan unha idade superior a trinta anos. Os poemas a presentar terán que ser orixinais e inéditos tanto en soporte impreso coma dixital e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior á deliberación do Xurado. As composicións serán dunha extensión máxima de 150 versos de temática libre e poderán achegarse ao Concello de Mondoñedo, ata o día 18 de outubro do 2024.
O certame Díaz Jácome está dotado con tres premios: 1º de 1.500 euros, 2º de 600 e 3º de 300, placa e diploma.
As bases íntegras, de ambos premios, pódense consultar na páxina web do Concello de Mondoñedo: www.concellomondonedo.es
Na presentación dos premios, na que estiveron presentes o Concelleiro de Cultura, D. Alberto García Fernández e a Concelleira de Turismo, Dna. María Patricia Otero Doural, manifestouse que dende o Concello de Mondoñedo se aposta pola cultura e pola potenciación da creación literaria, dando cabida tanto a novas e novos creadores como a escritoras e escritores consagrados a través de certames como os que no día de onte presentaron na cidade mindoniense, berce de grandes figuras do mundo da literatura.
O Concello de Mondoñedo quere animar a todos os nosos creadores e creadoras a participar nestes dous certames de longa tradición en Galicia.