O Concello de Mondoñedo pide á Deputación que anule a factura imposta a un veciño por unha emerxencia en Santa María Maior

O grupo de goberno do Concello de Mondoñedo cualifica de “sorprendente” a postura do PSOE local, que solicita que o consistorio asuma o custo dunha factura enviada a un veciño de Santa María Maior polo servizo de bombeiros tras unha intervención de emerxencia durante unhas inundacións. Dende o executivo municipal consideran que o lóxico sería que o propio Partido Socialista instase á Deputación de Lugo —administración da que depende o Consorcio Provincial de Bombeiros— a anular o cobro, que cualifican como “inxusto” e “fóra de lugar”.
Desde o Concello lembran que o Grupo Provincial Popular xa propuxo recentemente a cancelación desta factura nunha sesión plenaria da Deputación, sen obter o apoio dos socialistas. Ademais, destacan que a intervención dos bombeiros produciuse como consecuencia directa da rotura e dos defectos estruturais na canalización da estrada provincial LU-P3103, polo que nin o veciño afectado nin o propio Concello teñen responsabilidade nos feitos.
“É indecente e indignante —afirma o goberno local— que unha vía de titularidade provincial estea a causar danos nunha vivenda particular e que, por riba, sexa a propia administración responsable desa estrada a que pretenda cobrar os custes do achique de auga a quen sofre as consecuencias”, subliñan.
Neste contexto, desde o Concello esixen “menos demagoxia e máis compromiso real cos veciños” e instan aos socialistas a deixar de mirar para outro lado e a premer á Deputación para que resolva dunha vez por todas unha situación que leva preto de dous anos e medio causando problemas constantes na parroquia de Santa María Maior, desde que tiveron lugar os primeiros episodios de rebentóns e inundacións.
O executivo lembra que todas as forzas políticas asumiron ese compromiso nunha xuntanza celebrada na parroquia o pasado mes de abril, encabezada polo alcalde Manuel Otero, na que se acordou crear unha mesa de traballo con participación de todas as administracións implicadas. Porén, denuncian que aínda están agardando a que a Deputación nomee ao seu representante para darlle continuidade a ese acordo.
Por último, o goberno municipal informa de que tanto o Concello como o grupo provincial do PP ofreceron apoio legal ao veciño afectado, tanto para a presentación de alegacións como para tramitar un recurso de reposición, polo que agora a resolución definitiva depende da vontade da Deputación de estimar ou non ese recurso.