O Concello de Mondoñedo ampliará o Camiño de Fondoso

TerraChaXa | AMariñaXa
21 Feb 2019

O Goberno local do Concello de Mondoñedo vén de presentar un anteproxecto para solicitar unha axuda da Xunta co obxectivo de ampliar a anchura do coñecido como ‘Camiño de Fondoso’, entre a intersección coa N-634 ata chegar ao solo rústico.
As actuacións emprázanse nos primeiros 180 metros do camiño que une as poboacións de O Vilar e Valiño co núcleo de Mondoñedo, coñecido como Camiño de Frondoso. O importe total desta actuación é de 70.355 euros.
A alcaldesa, a popular Elena Candia, agarda que este proxecto poida ser financiado con cargo ao Plan Hurbe, no caso contrario, correría por conta do Plan Único que promove a Deptuación de Lugo, “de xeito que a actuación está garantida”.
O proxecto será consensuado cos socios da asociación A Pradieria e contactouse tamén cos propietarios dos inmobles afectados, a quen aproveita para agradecer a boa acollida e a súa colaboración.
O obxectivo fundamental da actuación é o de mellorar as condicións do camiño, que na actualidade é moi estreito e atópase limitado entre un muro de contención e un noiro, dotándoo de maior ancho e adaptándose a aliñación que marca o plan xeral de ordenación municipal do Concello de Mondoñedo.
A actuación sitúase integramente en solo urbano, o ancho total do camiño previsto no plan é de 12 metros entre os bordes.
O camiño actualmente é empregado por todo tipo de vehículos particulares, agrícolas e mesmo camións que acceden ás naves industriais próximas, pero as súas dimensións e o seu estado non permiten o cruce de vehículos en condicións de seguridade.
A ampliación prevé mellorar a drenaxe, alcanzar 6.5 metros de calzada e corrixir as deficiencias do firme actual, así como as condicións de seguridade en xeral.

0.16986298561096