O concello de Mondoñedo adxudica a reposición do firme con aglomerado en quente na Calzada
O Concello de Mondoñedo acordou adxudicar a Construcciones Isidro Otero S.L. o contrato de obras de reposición de firme no treito que vai desde Mondoñedo a Lindín, na estrada coñecida como A Calzada. A obra contará cun orzamento total de 48.248,12 euros e terá un prazo de execución de 16 días naturais.
A actuación consistirá na limpeza de foxos con motoniveladora, incluída a carga e transporte de entullos e vertedoiro. Tamén se colocará un novo firme de aglomerado en quente tipo D-12 de 5 centímetros de espesor e rega de adherencia.
O Concello de Mondoñedo actúa nunha lonxitude de 1.700 metros. A alcaldesa Elena Candia, indica que é unha fase de reparación da estrada que se enmarca dentro dun proxecto global de maior envergadura que está a acometer o Goberno local no Barrio de Couto de Otero. Así, primeiramente o Concello de Mondoñedo xa repuxo o firme con aglomerado en Bispo Fernández de Castro.
Tamén adquiriu unha vivenda en ruínas que foi demolida para eliminar un pescozo de botella que presentaba perigo para a circulación ao tempo que segue a traballar en próximas actuacións.