O Concello de Lourenzá prepara un plan de pagos para abonar os atrasos salariais do SAF

Ante o anuncio de folga das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o equipo de goberno do Concello de Lourenzá anunciou que está a traballar na elaboración dun plan de pagamentos co obxectivo de saldar os atrasos salariais correspondentes aos anos 2022 e 2023, pendentes de abonar ao persoal municipal.
Desde o executivo local insisten en que a súa postura sempre foi de diálogo e compromiso cos dereitos laborais: “O Concello sempre amosou vontade de cumprir coas obrigas salariais. Xa no ano pasado se fixo efectivo o pago de todos os atrasos relativos a 2024, e a día de hoxe, no 2025, todos os traballadores están a percibir integramente os salarios que lles corresponden segundo a Relación de Postos de Traballo (RPT) aprobada no 2022”.
Segundo indican, desde que se aprobou esa RPT, que supuxo unha mellora das condicións laborais e retributivas do persoal, xa se avanzou no cumprimento das obrigas co cadro de persoal: “O Concello deu pasos importantes e agora só resta por pagar parte dos atrasos do 2022 e o total dos do 2023. Estamos a traballar para presentar, como moi tarde o 31 de decembro deste ano, un plan detallado con prazos concretos para facer efectivos eses pagos, que será entregado a todo o persoal municipal”.
O goberno socialista aproveitou para criticar a actitude do Partido Popular, ao que acusa de utilizar a situación con fins partidistas: “Mentres nós buscamos solucións e dialogamos coas traballadoras para avanzar conxuntamente, os concelleiros do PP limítanse a xerar confrontación, sempre co discurso negativo por diante. Parece que están máis interesados en que haxa conflito que en contribuír a resolvelo”.
Ademais, recordan que foi o actual executivo o que aprobou en 2022 a RPT, “actualizando salarios e mellorando as condicións laborais, cousa que non fixo nunca un goberno do Partido Popular”. Desde o equipo de goberno insisten en que a súa intención é evitar a folga e chegar a acordos que satisfagan ás partes: “Que non celebren antes de tempo. A nosa vontade é clara e confiamos en evitar o paro cun acordo dialogado e responsable”.