O Concello de Lourenzá aclara que a poda das árbores faise correctamente

AMariñaXa
O Concello de Lourenzá aclara que a poda das árbores do Cantón faise da manera correcta tanto en tempo como en forma
canton lourenza arbores
21 Nov 2022

Recentemente o Concello de Lourenzá recibiu un escrito da Asociación Patrimonio Laurentino, que tamén foi enviado aos medios de comunicación, interesándose pola poda das árbores do Cantón e pola invasión de pombas e gaivotas que está a sufrir a igrexa e o mosteiro, ademais dalgunha das vivendas do seu entorno. O Concello de Lourenzá quere responder publicamente a esta asociación “para evitar xerar ningún tipo de alarma entre a veciñanza” e aclara que a poda das árbores do Cantón estase levando a cabo polo Obradoiro de Emprego Serra da Cadeira VII, que está dirixido por un enxeñeiro técnico forestal e supervisado por un monitor coa mesma titulación. A requirimento do Concello elaboraron un informe sobre esta actuación de poda levada a cabo durante o mes de novembro. A elección deste momento aclaran que se fixo seguindo criterios sanitarios, silvícolas, urbanísticos e de limpeza urbana”.

O goberno municipal explica que “como criterio sanitario expoñen que as árbores necesitan un saneamento de copas para evitar deformidades, roturas e condicións propias para a aparición de pragas e enfermidades. O criterio silvícola ten en conta que esta especie arbórea entra nesta época en parada vexetativa, momento no cal a árbore sofre menos a incidencia de feridas e cortes. Como criterio urbanístico enténdese que de deixar medrar esta especie, que pode chegar ata os 35 metros de altura, provocaría un sombreado do entorno e un obstáculo visual importante contra o patrimonio cultural do concello, ademais do perigo que suporía a caída de ramas. E por último o criterio de limpeza urbana contempla que as árbores platanus x hybrida desprenden unha cantidade inxente de folla, o que supón unha molestia para a veciñanza e problemas de acumulación de restos vexetais nas rúas próximas. Este informe presentado polos técnicos do obradoiro remata aclarando que a actuación de poda dos plátanos da Praza Conde Santo se está levando a cabo de xeito correcto tanto en tempo como en forma.

Invasión de pombas e gaivotas

Polo que respecta a invasión de pombas o Concello de Lourenzá “é consciente e sabedor deste problema, que seguramente sexa secular. O Concello leva investido moito diñeiro público en lexislaturas pasadas sen acadar os obxectivos previstos para erradicar esta praga de pombas. Consultáronse varios expertos en pragas deste tipo e de momento non se atopou ningún método eficaz que non sexan os antes empregados, que resultaron inútiles; por suposto tendo sempre en conta a lexislación vixente sobre a materia tanto estatal como autonómica. O problema non debe ser fácil de solucionar vendo como é algo habitual en todas as vilas e cidades do país”.

O goberno municipal engade que “o caso das gaivotas é ben diferente, xa que é unha especie que só nos visita esporadicamente, cando se producen fenómenos de temporal na costa. Consultados expertos na materia sinalan a improbabilidade de que as gaivotas aniñen en localidades de interior, pois para iso deberían permanecer durante unha tempada para a incubación e, como é de dominio público, as visitas desta especie ao noso municipio son esporádicas. Ademais debemos ter en conta, tal e como se recollía este verán nos medios de comunicación, o alarmante descenso da poboación de gaivotas na costa galega”.

Ademais o goberno local quere aclarar que “aínda que o uso dos medios é moi lexítimo, está sempre disposto a resolver as dúbidas e inquedanzas tanto do tecido asociativo como da veciñanza en xeral, agradecendo en particular á Asociación Patrimonio Laurentino a súa preocupación polos problemas que poidan xurdir no noso concello e recordándolles que, como facemos sempre, estamos ao seu dispor”.  

0.18832206726074