O Concello de Foz traballa na actualización do rueiro municipal

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz traballa na actualización do rueiro municipal, "un traballo moi necesario", segundo o rexedor focego Fran Cajoto.
O ALCALDE DE FOZ CUNHA TeCNICO DA EMPRESA REDACTORA DO NOVO RUEIRO MUNICIPAL
26 Nov 2021

O Concello de Foz traballa na actualización do rueiro municipal, "un traballo moi necesario", segundo o rexedor focego Fran Cajoto.

O alcalde explica as accións que se están levando a cabo aínda que é consciente das incomodidades que pode causar a veciñas e veciños: “actualmente no rueiro municipal hai numeración repetida e incongruencias en moitos puntos. Hai problemas co servizo de Correos e moitos máis coas empresas de paquetería e transporte, que cada vez teñen unha maior demanda. O máis grave pode resultar nunha situación de emerxencia, xa que as ambulancias están a ter problemas para localizar os domicilios dos avisos. Na actualidade o Concello só dispón duns planos en papel, desfasados e que contan con moitos erros. Estase a traballar para facer unha numeración cabal, cos menores cambios posibles, prevendo próximas construcións para evitar cambios e que sexa de referencia para as próximas décadas”. 

O rexedor municipal anuncia que “no proceso vaise a contar coa participación de veciñas e veciños, para revisar posibles erros ou omisións e tamén para a elección de nomes de distintas rúas que actualmente non o teñen. Imos facer reunións informativas nas distintas parroquias, deixando copias de planos e dando información a todas as veciñas e veciños para os trámites necesarios unha vez o rueiro estea rematado. Sabemos das incomodidades de cambiar un número, pero tamén que son moito maiores os beneficios: cando as direccións estean actualizadas desaparecerán erros en aplicacións como o google maps. Ese é o noso obxectivo, que a correspondencia e a paquetería chegue de forma axeitada a todas e todos, que non haxa ningún problema nos padróns e que a Administración faga máis fácil a vida á xente”.

Fran Cajoto indica que “as veciñas e veciños terán voz e voto no elección de nomes para as rúas que están sen el. Queremos un proceso participativo e cando o traballo estea máis avanzado indicaremos a forma en que se levará a cabo. Os nomes das rúas son parte tamén do noso patrimonio”.   

0.17716288566589