O Concello de Foz ten unha nova centenaria, o século de vida de dona Maruja
Coñecida como dona Maruja, María Esther López-Leitón Otero é veciña de Foz e centenaria. O alcalde, Fran Cajoto e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, visitaron a casa da que foi directora da primeira gardería focega durante 38 anos.
Ana Rojo explica que “dende este pasado domingo o Concello de Foz ten unha nova centenaria: a señora María Esther López-Leitón Otero, coñecida como dona Maruja, a filla do boticario. Dona Maruja foi unha muller adiantada o seu tempo, intelixente, con carácter, independente, con moita resiliencia, comprometida e de moita transcendencia en Foz. Quedou viúva con 34 anos, con dous nenos pequenos, de 4 e 7 anos. Muller pioneira en conseguir vencer as barreiras nuns tempos e nun contexto social dominado por homes e marcado por un profundo patriarcado. Aválana 38 anos como directora da primeira gardería que houbo en Foz, onde centos de nenos e nenas estiveron o seu cargo, baixo a súa responsabilidade; por todo isto cabe destacar a achega e a relevancia que como muller marcou no pobo de Foz”.
Lembra Ana Rojo que eran tempos difíciles, nos que ás mulleres se lles prohibía a apertura de contas bancarias sen a autorización do seu marido, padre ou titor; tampouco podían mercar un inmoble ou comparecer nun simple xuízo, etcétera. Considera que por iso se fai necesaria a visualización destas mulleres, ás que o papel que se lles outorgaba era o coidado do fogar, dos fillos, enfermos ou as labores do campo, uns roles de sometemento e obediencia. As propias leis discriminábanas polo seu xénero.
A concelleira de Servizos Sociais engade: “Hoxe dona Maruja ten un século de vida. Declárase moi coqueta, sempre lle gusta estar ben preparada, co seu colar de perlas e o carmín vermello nos seus beizos. Arroupada xunto os seus fillos, Isabel e Manolo, recibiunos cun sorriso e unha luz especial nos seus ollos de cor azul, que tanto ollaron. Foi una honra para nós, como alcalde e concelleira, poder facerlle esta pequena homenaxe. Quedamos impresionados e sorprendidos pola súa lucidez e desenvoltura, cunha excelente memoria relatounos episodios da súa vida con todo luxo de detalles. E non faltou a doce torta de cumpreanos e o brinde con cava. Desexámoslle moitos parabéns, moita saúde e que siga tan lúcida e chea de enerxía coma agora. Queremos agradecerlle, unha vez máis, a hora que nos dedicou na súa casa, rodeada dos que máis quere, a súa familia. Moitos parabéns, dona Maruja!”.