O Concello de Foz salienta os proxectos do Estado para reparar os danos do temporal de marzo

Foz
AMariñaXa
As actuacións inclúen a consolidación da vía férrea en Arealonga e o retranqueo dos paseos de Cangas e Fazouro cun investimento total superior a 1,5 millóns de euros
Concello-de-Foz-e-delegado-do-goberno-actuacións
25 Oct 2025

O Concello de Foz puxo en valor os proxectos impulsados polo Goberno de España durante este mes de outubro para afrontar os danos provocados polo forte temporal que afectou á costa do municipio en marzo de 2024. O alcalde, Fran Cajoto, destacou que se trata de actuacións “moi necesarias para garantir a seguridade e a conservación das infraestruturas máis próximas ao litoral”.

O pasado 14 de outubro, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) adxudicou á UTE Miv 2021 Lote 1 —formada por Contratas y Servicios Ferroviarios, COPASA, COMSA, Ferrovial e TECSA— a redacción do proxecto e a execución das obras de estabilización do talude afectado na praia de Arealonga, por un importe de 1.280.953,57 euros.

Cajoto subliñou que esta é “unha obra moi importante para consolidar e garantir a integridade da vía na praia de Arealonga, despois dos derrubes ocasionados polo temporal de marzo”. Lembrou ademais que ADIF xa realizara sondaxes no terreo ese mesmo mes e que, posteriormente, a petición do Concello, se mantivo unha reunión co Delegado do Goberno, Pedro Blanco, e outros representantes institucionais para impulsar a actuación. “Estou moi agradecido ao Delegado do Goberno por promover esta obra que nos dá tranquilidade e garante a seguridade da infraestrutura”, engadiu.

Así mesmo, o martes 21 de outubro publicouse no Boletín Oficial do Estado o proxecto da primeira fase do retranqueo dos paseos de Cangas de Foz e da praia de Arealonga, na zona de Fazouro. Esta primeira fase, cun investimento de 300.965,59 euros, céntrase na humanización e posta en valor do trazado actual da senda. O alcalde explicou que “os temporais de marzo de 2024 provocaron o derrube do paseo de Arealonga, xunto ao acceso ao Castro de Fazouro, e agora vaise actuar para mellorar a seguridade e a integración paisaxística da zona”.

Cajoto adiantou tamén que nas próximas semanas está prevista a publicación da segunda fase do proxecto, correspondente á restitución do paseo no entorno da cala de San Pedro de Cangas mediante o retranqueo da infraestrutura. O Concello deberá adquirir os terreos necesarios para esta actuación, que conta cun orzamento de 272.517,52 euros. “Esta fase é fundamental, pois eliminará o risco diario de atropelos que sofren os peóns ao verse obrigados a camiñar polo arcén da N-642 debido ao corte no paseo marítimo”, concluíu o rexedor.

⚙ Configurar cookies
0.071144819259644