O Concello de Foz reforza o banco de alimentos

Foz
TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
29 Mar 2020

O Concello de Foz reforza o Banco de Alimentos pola crise orixinada pola pandemia do coronavirus.

O Concello de Foz é consciente de que a crise sanitaria sen precedentes que está a provocar o COVID-19 pode levar aparellada unha forte crise social. En opinión da concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo, e do alcalde Fran Cajoto, “o cese de actividade de moitas empresas e os despedimentos que veñen asociados poden causar un forte impacto a economías familiares que xa estaban, en moitos casos, ao límite. Preocúpanos especialmente os casos de familias vulnerables con nenos, xa que o peche dos colexios provoca que se perda esa comida diaria que se facía nos comedores escolares”.

O rexedor municipal explica: “a nosa responsabilidade é adiantarnos a eses problemas. É por iso que desde Asuntos Sociais se procedeu a reforzar os alimentos do Banco, que estaba a ter problemas nalgunhas liñas de produtos por mor do transporte, e garantir un subministro suficiente financiado polo Concello”. E a concelleira Ana Rojo especifica: “vimos conveniente facer fincapé naqueles produtos que deben formar parte dunha dieta saudable para os nenos, como os lácteos ou a froita”.

Os responsables do Concello de Foz engaden que “co reforzo de alimentos preténdese atender as necesidades daqueles veciños empadroados no noso concello máis vulnerables e agora mesmo temos contabilizadas nunhas 17 familias. O noso desexo é que este servizo sexa o menos necesario posible, pero é a nosa obriga poñernos na peor das situacións”.

Ademais aproveitan para “dar as grazas a todos aqueles que nos axudan nestes momentos especialmente delicados, como son: Supermercado Familia, que continúa co carro no que depositan as doazóns de alimentos todo aqueles que queren colaborar; peixería Don Mexilón; panadería Bahía; e os produtores hortícolas José Níñez e Pilar Lorigados”.

0.18673896789551