O Concello de Foz reclama á Xunta maior implicación en urbanismo, vivenda e infraestruturas

Foz
AMariñaXa
O alcalde, Fran Cajoto, reuniuse coa conselleira María Martínez Allegue para trasladarlle demandas clave como o PEPRI do casco histórico, a construción dun auditorio ou a mellora de estradas
Foz-REUNIoN-DE-RESPONSABLES-MUNICIPAIS-DE-FOZ-COA-CONSELLEIRA-DE-VIVENDA
23 May 2025

O rexedor de Foz, Fran Cajoto, mantivo este mércores unha reunión de traballo coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para abordar diversos temas prioritarios para o municipio. No encontro participaron tamén a primeira tenente de alcalde, Inés López Couto, a concelleira Ana Rojo e o director territorial da Consellería en Lugo, Marco Antonio Fernández Piñeiro.

Cajoto agradeceu a disposición da conselleira e o interese do director territorial, lamentando, pola contra, a falta de diálogo por parte doutras responsables autonómicas: “A actitude da conselleira contrasta coa de Fabiola García, que nin sequera acepta unha reunión co Concello”, indicou.

Urbanismo: impulso ao casco histórico e novas áreas de rehabilitación

Un dos principais puntos tratados foi a solicitude de financiamento para o Plan Especial de Reforma Interior (PEPRI) do centro histórico, documento fundamental para permitir novas edificacións e actuacións nos solares baleiros da zona antiga de Foz. A redacción deste plan ten un custo estimado de entre 400.000 e 450.000 euros. Cajoto recordou que a Xunta financiou con 389.000 euros o PEPRI de Ribadeo no ano 2010 e reclamou un trato semellante para Foz. A conselleira amosouse aberta a estudar a posibilidade en próximos exercicios orzamentarios.

Tamén se abordou a opción de declarar unha Área de Reforma Integral (ARI) nos arredores da basílica de San Martiño, co obxectivo de revitalizar esa contorna histórica e patrimonial.

Auditorio: unha débeda pendente coa vila

En canto á longa demanda dun auditorio municipal, a conselleira remitiu ao Fondo de Cooperación, un mecanismo de financiamento que implicaría un préstamo a devolver polo Concello. Para Cajoto, esta proposta é insuficiente: “A Xunta está financiando auditorios noutros concellos, como Marín ou Lugo, mentres Foz, sendo o segundo municipio da Mariña en poboación, segue sen esta infraestrutura básica”.

Vivenda: urxencia ante a presión turística

Outro dos asuntos clave foi a vivenda pública, un tema que preocupa especialmente ao equipo de goberno local. “Pedímoslle á Xunta que retome a promoción de vivenda pública en Foz, como fixo hai décadas nas zonas de Julia Minguillón ou rúa Corporacións. Agora só se constrúe nas cidades, mentres vilas como a nosa sofren unha presión turística cada vez maior”, explicou Cajoto, quen avanzou que se explorarán vías de colaboración con promotores privados, aínda que considera que a administración autonómica debería actuar con máis decisión.

Infraestruturas: estradas, interseccións e humanizacións pendentes

En materia de infraestruturas, o alcalde avanzou que estudan acollerse ao Plan HURBE, que permite cofinanciar proxectos municipais cun 70% de achega da Xunta. Tamén se tratou a necesidade de completar a terceira fase das beirarrúas da estrada LU-162 en Cangas, comprometida desde 2015, así como a mellora da intersección entre a LU-152 e a LU-P-3101, e varias actuacións na zona de Vilaronte e San Acisclo, como a humanización da ponte vella ou a limpeza de taludes no entorno do río Ouro.

“Esperamos que estas propostas non queden só sobre a mesa, senón que se transformen en accións concretas. Foz precisa respostas reais aos retos que temos enriba da mesa”, concluíu Cajoto.

⚙ Configurar cookies
0.14623999595642