O Concello de Foz realiza melloras na praia da Rapadoira e nas rutas do litoral

Foz
AMariñaXa
Os traballos inclúen tarefas de mantemento do areal, novos lavapés e a renovación da sinalización en varios itinerarios naturais
Foz-dunas-pillara-das-dunas-2026
15 Mar 2026

O Concello de Foz continúa desenvolvendo actuacións de mantemento e mellora nos espazos naturais do municipio, con intervencións recentes na praia da Rapadoira e en diferentes rutas do litoral. Os traballos céntranse no acondicionamento do areal e na mellora das infraestruturas destinadas ao uso público, sempre tendo en conta a protección do medio natural.

No caso da Rapadoira, realizáronse tarefas de arranxo e cribado da area, unha actuación que forma parte das labores periódicas de conservación deste espazo costeiro. Desde o consistorio destacan que estes traballos se levan a cabo respectando os períodos de protección da fauna, especialmente o tempo de nidificación da píllara das dunas, unha especie protexida que habita nos sistemas dunares. Este período abrangue do 15 de marzo ao 15 de xuño, polo que as intervencións realízanse seguindo criterios de respecto ambiental.

Ademais das tarefas de mantemento no areal, o Concello está a impulsar outras actuacións destinadas a mellorar a experiencia de veciñanza e visitantes. Entre elas figura a instalación de novos lavapés na contorna da praia, así como a renovación da sinalización en varios percorridos naturais do municipio.

En concreto, os traballos afectan ás rutas da Cornería, As Fronteiras e á Ruta das Praias, tres itinerarios moi frecuentados por persoas que buscan gozar da paisaxe costeira e da riqueza ambiental da zona.

Desde o goberno local subliñan que estas actuacións forman parte dunha estratexia de coidado e posta en valor do patrimonio natural de Foz, que combina o mantemento dos espazos públicos coa protección da biodiversidade e a mellora das infraestruturas para o desfrute da cidadanía.

0.12326502799988