O Concello de Foz reactiva a recomendación de non usar temporalmente a auga da traída
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, informa que os resultados das analíticas continuas que está a facer o Concello de Foz cada dous días mostraron “valores de trihalometanos lixeiramente por encima dos 100 µg/L permitidos, polo que a Consellería de Sanidade demandounos reactivar a recomendación de non utilizar a auga da traída para beber ou cociñar en Foz, agás en Cordido, parroquia que non está afectada por ter unha traída independente”.
Segundo manifestan os técnicos, existen dous condicionantes evidentes que están a prexudicar o proceso de potabilización: a ausencia de choivas, que diminuíu moito o caudal no Ouro, e o elevado consumo deste verán, con máis visitantes ca nunca.
O alcalde indica que “isto supón un reto que hai que afrontar, xa que temos a obriga de garantir a mellor calidade de auga para todos os veciños. Por iso, ademais de planificar unha mellora na potabilizadora a medio prazo que debe ser profunda, continúan adoptándose medidas para atallar os parámetros que están fóra de rango: estamos traballando xa na mellora da dosificación do peróxido de hidróxeno para que sexa máis efectivo. Os técnicos trasládannos que a substitución dos filtros debe mellorar tamén os valores de trihalometanos, polo que se vai investir unha cantidade importante con celeridade para levar a cabo esta mellora”.
O rexedor pide de novo desculpas polas molestias e incomodidades, que xa afectaran durante as festas de San Lourenzo: “seguimos traballando e facendo analíticas de forma continua para garantir unha calidade de auga correcta. Todos temos dereito a aportar e traballar por mellorar o noso pobo: o meu teléfono e o dos técnicos da empresa concesionaria Gestagua están dispoñibles para resolver calquera dúbida dun veciño ou membro da corporación municipal”.
O Concello continuará informando puntualmente a través das redes sociais municipais, páxina web, radio e medios escritos dos cambios e avances desta situación.