O Concello de Foz promove “lecturas con orgullo” cunha mostra bibliográfica

Foz
AMariñaXa
No departamento de biblioteca, programouse unha mostra bibliográfica na que se expoñen libros para infantil e adulto sobre temática de igualdade
lecturas-con-orgullo-foz
29 Xuño 2024

O Concello de Foz promove “lecturas con orgullo” e mostra orgulloso as cores da bandeira LGTBI. A concelleira de Muller e Igualdade, Elena Martínez Pena, destaca que “o 28 de xuño é un día no que sentirnos orgullosos, no que debemos defender a igualdade para calquera, do xeito que se sinta, sexa ou queira ser”. Anuncia tamén que nos vindeiros meses se programarán diferentes actividades desde a área xa que “non só este día é o do orgullo senón que debemos sentirnos orgullosos sempre".

E para iso o máis importante é "educar nuns valores nos que prevalezan, por enriba de todo, a igualdade e o respecto”. Dende a delegación de Cultura, no departamento de biblioteca, programouse unha mostra bibliográfica na que se expoñen libros para infantil e adulto sobre temática de igualdade, LGTBIQ+, etcétera.

“Para nós o máis importante é a educación en liberdade, que falemos de persoas, síntanse como se sintan, e que sempre estean arroupadas, representadas e sobre todo que exista unha normalidade total ames a quen ames ou sexas o que sexas”, explica Inés López Couto, concelleira de Cultura. O Concello de Foz está orgulloso da liberdade e diversidade no seu pobo e pide respecto para todas as persoas, especialmente nunha data coma esta, para o colectivo LGTBIQ+.

 

0.15547895431519