O Concello de Foz presiona á Xunta para avanzar na ampliación do centro de saúde

Foz
AMariñaXa
Fran Cajoto reclama un proxecto funcional, con melloras estruturais e servizos ampliados, tras anos de espera
Foz-PARCELA-ONDE-SE-SITUARiA-A-AMPLIACIoN-DO-CENTRO-DE-SAuDE-(AO-FONDO)
O alcalde de Foz e o concelleiro de Festas xunto cos organizadores da romaría
23 May 2025

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, reuniuse este martes co conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño, para abordar a paralización do proxecto de ampliación do centro de saúde local. A xuntanza, solicitada polo propio Concello, contou tamén coa participación da concelleira de Sanidade, Turismo e Comercio, Katherina Navarro, do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e doutros representantes da consellería.

O motivo da reunión foi a falta de avances concretos desde o 29 de outubro de 2021, cando o entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciara esta actuación como parte do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria. “Agradecemos o encontro e o bo trato recibido, pero esperabamos poder ver xa os planos da ampliación e non foi así”, lamentou Cajoto. Segundo se informou, o proxecto aínda está en fase de redacción, aínda que a Consellería comprometeuse a avanzar mediante un protocolo que permita ao Concello expropiar os terreos necesarios —situados entre o colexio do Cantel e o actual centro de saúde—, cualificados como dotacionais sanitarios no PXOM.

O 13 de xuño está prevista unha visita técnica conxunta para avaliar a idoneidade das parcelas. O alcalde subliñou a importancia de que o proxecto vaia máis alá dunha mera ampliación e resolva deficiencias xa detectadas no centro actual: “hai que mellorar a cuberta, a accesibilidade nas saídas de emerxencia, instalar un novo ascensor que permita trasladar unha padiola, habilitar vestiarios adecuados e contar cun xerador que garanta o subministro eléctrico en caso de fallo”.

Cajoto tamén insistiu na necesidade dun espazo axeitado para ambulancias e persoal do 061, e en aumentar o número de consultas, sumando catro máis ás previstas, para evitar que os facultativos teñan que compartir despachos. Ademais, reclamou que se inclúa un estacionamento amplo e definitivo que atenda tanto ao persoal como aos usuarios: “se o Concello vai facer o esforzo de adquirir os terreos, queremos que sexa un centro útil e moderno, non unha solución a medias”.

No que respecta á dotación de persoal, o alcalde solicitou a incorporación dunha matrona e dun nutricionista con destino específico en Foz. Porén, a demanda máis reiterada por parte do cadro médico é contar cunha ambulancia dispoñible as 24 horas no municipio: “cando menos, debería estar operativa desde as 8 da mañá para axustarse aos horarios do persoal sanitario e mellorar a atención. O xerente da área comprometeuse a estudar esta cuestión”.

Na parte final do encontro, abordouse a situación do Hospital da Mariña e a escaseza de especialistas, tema sobre o que o conselleiro recoñeceu que están a traballar, sen concretar medidas.

⚙ Configurar cookies
0.055323123931885