O Concello de Foz presenta o seu programa polo 25N

Foz
AMariñaXa
Contará cunha exposición, unha concentración, espectáculo de contacontos, charla e representación teatral
181124-A-CONCELLEIRA-ELENA-MARTÍNEZ-PRESENTANDO-AS-ACTIVIDADES-POLO-25N-EN-FOZ
18 Nov 2024

Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello de Foz programa unha exposición, unha concentración, un espectáculo de contacontos, unha representación teatral e unha charla.

A concelleira de Muller e Igualdade, Elena Martínez Pena, explica: “Como cada 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, desde o Concello de Foz volvemos manifestar o noso constante compromiso para erradicar calquera tipo de violencia machista e transmitir á sociedade a importancia de traballar valores a prol da igualdade e o respecto polas persoas”.

A programación de actividades polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller en Foz xa comezou a inicios do mes de novembro coa exposición 'Mulleres de onte e hoxe', unha selección de obras da lucense Ana María Rodríguez (Anama). Esta actividade lévase a cabo en colaboración coa Concellaría de Muller e Igualdade e a Aula Universitaria da UNED de Foz. Dita exposición poderase visitar no Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA) ata o próximo 30 de novembro. “Tamén a través da arte se denuncia a lacra social que vivimos causada pola violencia de xénero, expoñendo o poder da muller de calquera tempo”, manifesta Elena Martínez.

Outro dos actos que se van levar a cabo en Foz para este 25N como apoio ás 40 vítimas dos feminicidios que se perpetraron neste ano 2024 é unha concentración e lectura do manifesto por parte da concelleira de Muller e Igualdade, Elena Martínez Pena, en colaboración con dúas compañeiras da corporación municipal que colaborarán coa mesma, o vindeiro domingo 24 de novembro ás 12.00 horas diante da Praza do Concello.

Xa o martes 26 ás 18.30 horas na Casa da Cultura Poeta Manuel María, os máis pequenos poderán gozar dun contacontos pola igualdade e contra a violencia de xénero con Aida Cobas, natural de Palas de Rei. Amosará o seu espectáculo 'A boneca de trapo' e narrará as historias de Mara e a súa avoa Lola, que pasan moito tempo xuntas e gozan de ler, escribir e contar diferentes relatos.

Seguindo coa programación, e en colaboración coa concelleira de Cultura, Inés López Couto, o venres 29 ás 20.30 horas poderase gozar dunha xornada de teatro coa obra 'Invisibles', de Redrum Teatro na Sala Bahía. “Invisibles é todo o que non queremos que sexan as mulleres que sofren violencia machista. Queremos que o público desenvolva unha conciencia crítica e cuestione a realidade que nos envolve”, indica a concelleira de Muller.

E para rematar o programa de actividades deste 25 de novembro en Foz, e como novidade para este ano, levarase a cabo unha charla informativa sobre agresións sexuais e violencia sexual dirixida á mocidade, a cargo de María Angélica Mercado Torres, que se desenvolverá o vindeiro 4 de decembro ás 9.45 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura Poeta Manuel María. Na mesma participarán o alumnado de 4º de ESO de tres centros educativos: o IES de Foz, o Colexio Martínez Otero e o Colexio do Pilar. “Hai moita desinformación polo que é fundamental reflexionar sobre este tema para facilitar ferramentas preventivas para evitar calquera tipo de violencia”, remata Martínez Pena.

0.20190382003784