O Concello de Foz pon en marcha a campaña 'imPULSA FOZ'

Foz
TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello focense presenta imPULSA FOZ, unha campaña nova que busca reactivar o municipio en todos os ámbitos: cultural e económico, pero tamén anímico e social.
escolas deportivas guitiriz
11 Out 2020

O Concello focense presenta imPULSA FOZ, unha campaña nova que busca reactivar o municipio en todos os ámbitos: cultural e económico, pero tamén anímico e social. Foi presentada polo alcalde, Fran Cajoto; o concelleiro Chema Linares; e o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz, José Carlos Paleo.

O rexedor municipal explica: “trátase de facer distintas iniciativas baixo un mesmo paraugas, transmitindo positividade. Dentro dun contexto moi complicado de pandemia do COVID-19 todas e todos tivemos que aprender a convivir co virus e a ser responsables da nosa saúde, a título individual pero tamén colectivo. Foz foi sempre tradicionalmente un concello moi activo e non queremos en ningún caso que se perda esa pulsión; é por iso que presentamos esta campaña, na que un dos obxectivos principais é apoiar ao comercio local e ao sector da hostalería, que non están a pasar por un bo momento. Hai que sacar peito e perder os medos, Foz ten moito que ofrecer”.

O alcalde relaciona as distintas liñas que se programan, con actividades que nalgún caso xa están a comezar e noutros atópanse nunha fase inicial de desenvolvemento:

- imPULSA CULTURA: Programa de teatro e distintas actividades nun momento difícil para o sector, co obxectivo de promover a cultura e os desprazamentos a Foz en tempada baixa de turismo. Potenciarase a tradicional programación cultural con accións novas.

- imPULSA SAÚDE: Información médica ofrecida nun ciclo de conferencias grazas á colaboración do Hospital da Costa e da súa xerente, María José Cortés. Trátase de ofrecer información útil e veraz a veciñas e veciños sobre distintos problemas de saúde. Este ano enfocarase tamén á grave pandemia mundial que estamos a padecer.

- imPULSA LECER: Posta en valor dos atractivos e actividades lúdicas que podemos realizar no noso concello, incidindo na práctica de deporte e roteiros ao aire libre. Haberá propostas e colaboracións para facer máis ameno o tempo libre nun momento en que o ocio está a cambiar.

- imPULSA COMERCIO: Realización de campañas de promoción do noso comercio local, con distintas accións que animen a todas as veciñas, veciños e visitantes a mercar no comercio de proximidade, con regalos e sorpresas. Apoiaremos tamén á ACIA-CCA de Foz en todas as súas promocións, de gran éxito durante o verán.

O concelleiro de Asuntos Económicos, Turismo e Comercio, Chema Linares, considera moi necesaria esta campaña: “el Concello de Foz continúa trabajando, pensando en los vecinos y también en el apoyo y promoción de nuestro comercio local, sustento de muchas familias. A pesar de la difícil situación, para pueblos costeros como Foz se están abriendo oportunidades: hemos constatado un aumento de población muy importante desde enero, a pesar del grave problema de Alcoa, aumentando el censo en 185 habitantes”.

A campaña imPULSA FOZ “contará cunha importante promoción neste sentido, poñendo en valor un Foz que é moi posible: incidindo na nosa vila como sitio idóneo para teletraballar e que se converta en lugar de residencia para xoves e novas familias”, destacou Fran Cajoto.

O presidente de ACIA Foz comentou: “agradecemos esta iniciativa, que pon en valor o pobo. O traballo en equipo e a colaboración entre a Administración e distintos colectivos xeran un dinamismo atractivo, cultural, deportivo, económico e social. É o camiño para fortalecerse nas situacións nas que nos atopamos neste momento e as que van a chegar, loitando por un mesmo obxectivo local e comarcal”.

0.1207389831543