O Concello de Foz organiza unha concentración para conmemorar o 25N
Para conmemorar o Día internacional contra a violencia de xénero o Concello de Foz organiza unha concentración este xoves, día 25, e colabora nun taller destinado a pais e nais, que terá lugar o domingo 28.
“Dende a Delegación de Muller e Igualdade do Concello de Foz lanzamos este ano a campaña Foz non cala ante a violencia de xénero, sumándose así á conmemoración do 25N. O obxectivo é concienciar á poboación da importancia dunha educación en igualdade, respectuosa e afectiva”, anunciou a concelleira Ana Rojo, quen engadiu que “o Concello vén de colaborar cos nenos e nenas e a Anpa do colexio N° 1; coa temática do día 25N o alumnado de cada curso plasma a modo de debuxos a denuncia e rexeite desta lacra, destacando unha convivencia afectiva e respectuosa. Os traballos están expostos en comercios de Foz e parte deles poderán verse nun photocall que se instalará diante da Casa do Concello. Dentro da colaboración coa Anpa do colexio Nº 1 está tamén o taller de pais e nais que se impartirá, por parte de Benita Martínez García, co título A sexualidade na infancia e na adolescencia. Será na Casa da Cultura o próximo domingo ás 17:30 horas. A intención é que cada ano se sumen 1 ou 2 colexios, visualizando así os rapaces, que son o futuro desta sociedade. Destaca tamén, dentro desta programación, o spot que desde o luns ata o venres se está a emitir na TVG e onde se reflexan as mulleres do noso concello”.
Ana Rojo agradece “aos nenos e nenas e a Anpa do colexio Nº 1 a dispoñibilidade e colaboración nesta importante causa” e deu a coñecer tamén que “este xoves, día 25, ás 19:30 horas na Praza do Concello haberá unha concentración con ofrenda ás vítimas de violencia machista, onde se procederá á lectura dun manifesto e gardarase un minuto de silencio”.