O Concello de Foz organiza unha concentración con motivo do Día da Muller
O Concello de Foz organiza, previo á celebración do pleno ordinario da corporación municipal deste xoves, 5 de marzo, unha concentración na praza do Concello con lectura de manifesto, con motivo do Día da Muller Traballadora.
Desde o Concello focense anuncian que “o xoves 5 de marzo ás 20.00 horas convócase a todos os focegas e focegos a dar apoio e visibilidade a todas esas mulleres traballadoras que co seu esforzo, día a día, moven o país e son piar fundamental da nosa sociedade”.
Ademais explican que “a brecha de xénero é palpable en tódolos ámbitos e constitúe unha grave discriminación para todas aquelas persoas que polo mero feito de nacer muller teñen graves atrancos para ter as mesmas oportunidades que os seus compañeiros varóns. Este ano queremos facer especial mención ao eido dos coidados a persoas en situación de dependencia: nenos, anciáns, enfermos, etcétera, que recaen case en exclusiva no colectivo feminino, de forma non remunerada na maioría dos casos. É obrigado recoñecer esta importante labor e poñela en valor”.
Desde o Concello de Foz tamén se quere recordar que o vindeiro domingo, 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, haberá unha manifestación con saída do Paseo de Colón (fronte á praia da Rapadoira) ás 12.00 horas.