O Concello de Foz ofrece tres cursos a través do programa de dixitalización para mulleres
O Concello de Foz ofrece tres cursos a través do programa de dixitalización para mulleres Galegas Dixitais. Os tres cursos serán sobre competencias dixitais básicas, e impartirase do 17 ao 30 de outubro, competencias dixitais avanzadas, do 31 de outubro ao 14 de novembro, e de iniciación en competencias dixitais básicas para o emprendemento, do 15 ao 28 de novembro.
Está dirixido a mulleres desempregadas ou en situación de mellora de emprego, e ten por obxectivo mellorar as capacidades dixitais das mulleres residentes en zonas rurais, de cara a incrementar o seu nivel de empregabilidade e impulsar o emprendemento, así como reducir a fenda de xénero existente no acceso ao emprego e ás novas tecnoloxías.
O programa ofrece un itinerario formativo deseñado para ir avanzando dende o nivel máis básico ao máis elevado. A formación é totalmente gratuíta e dará comezo o día 17 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas de luns a venres. Impartirase na aula Cemit.
As persoas interesadas en participar deberán poñerse en contacto a través do teléfono 604 044 841 ou 698 19 75 18, ou a través da páxina do programa: www.galegasdixitais.es