O Concello de Foz levará a aprobación o orzamento para este ano
Estes orzamentos apostan pola parte social de axuda á veciñanza, a cultura, ás melloras na sinalización turística e o equipamento municipal, así como un amplo esforzo inversor en infraestruturas.
A tenente de alcalde e concelleira de Facenda de Foz, Inés López Couto, presentou os orzamentos do ano 2022, que se levarán a aprobación no pleno ordinario deste mes de xuño, o vindeiro xoves día 30.
En palabras da tenente de alcalde e concelleira de Facenda son “os orzamentos da recuperación, da volta á normalidade e do investimento real real”. A este respecto destaca que “continuamos apostando pola parte social, para acompañar á xente que o está a pasar mal, especialmente nun contexto de subida de prezos”. A volta á normalidade despois dunha pandemia tamén é destacable: a concelleira de Facenda, que tamén o é de Cultura, salienta as partidas destinadas a cultura e a distintos eventos: “nunca deixamos de programar, tampouco no ano 2020, pero este verán volvemos completamente á normalidade e nótase. Apostamos polo teatro, investimos na biblioteca e na Feira do Libro e nun festival co mellor da música galega, pensado para os máis novos, como é o Festival Vrao. Destinamos 103.000 euros de fondos propios para a renovación e mellora da Sala Bahía e 5.500 euros para novo material da Escola Municipal de Música Arcadio Mon”.
Dentro da renovación e mellora da sinalización turística de Foz destínanse 8.000 euros para o sendeiro azul e outras rutas no concello, ademais de 5.000 euros para novos equipamentos informáticos cos que facilitar o traballo dos funcionarios e empregados municipais.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, destaca ademais o esforzo inversor en infraestruturas: “unha partida de algo máis de 53.000 euros para a renovación de viais en parroquias, 48.000 euros para a adquisición de maquinaria para a mellora e desbroce de camiños, 58.000 euros para o remate das obras da Costa do Castro, como marca o convenio asinado coa Deputación de Lugo, así como 139.000 euros para costear o inicio das obras -tamén en colaboración coa Deputación de Lugo- de renovación do eixo entre Glorieta de Vilalba e Campo da Cabana, polas casas baratas.
Un esforzo inversor no casco urbano e nas parroquias que pretende ser equilibrado, sostible e sostido no tempo. O orzamento deste ano elévase na partida de gastos a algo máis de 8,5 millóns de euros, dos cales case 500.000 se corresponden a investimentos reais”.