O Concello de Foz leva a Pleno un suplemento de crédito para afrontar a suba da inflación

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz leva a pleno un suplemento de crédito para afrontar os incrementos de prezo de todos os servizos obrigatorios e necesarios.
casa do concello de foz
7 Nov 2022

O Concello de Foz leva este xoves a pleno un suplemento de crédito para afrontar os incrementos de prezo de todos os servizos obrigatorios e necesarios.

A concelleira delegada de Facenda, Inés López Couto, explica que “este suplemento é necesario para o pago de facturas e cumprir coas obrigas e competencias municipais. É necesario aprobar este suplemento para afrontar créditos que son de competencia municipal e non retrasar os pagos, como facía o anterior goberno, con enormes recoñecementos extraxudiciais e deixando sen crédito as partidas no mes de maio e aos provedores sen cobrar ata máis dun ano despois, froito da súa mala xestión”. 

Inés López engade que “un concello en crecemento constante coma Foz, con obras moi necesarias en curso (rúa Costa do Castro) e outras que comezarán en breves (rúas Irmandiños, Salvador Madariaga, Curros Enríquez,…), que continúa buscando recursos para peticións que levan anos sendo solicitadas (auditorio, mellora das entradas do pobo,…) necesita ser responsable na súa xestión e ter debidamente atendidas as súas competencias. Nun contexto inflacionista con dificultades na previsión para os economistas, os orzamentos (que son iso, orzamentos, supostos) poden e deben ser modificados para afrontar as necesidades que van xurdindo no exercicio”.

A edil de Facenda comenta tamén: “seremos responsables, modificaremos as partidas e os programas necesarios para afrontar as necesidades de Foz e incrementaremos os esforzos para mellorar a resposta do Concello en materia económica, para que os provedores poidan cobrar coa maior premura, realizando as contratacións que estaban sen facer dende hai anos e traballando man a man cos servizos económicos e xurídicos municipais. Non temos medo a modificar as nosas previsións iniciais nin a recoñecer que é necesario facer modificacións. Iso non implica erros senón seriedade e responsabilidade para responder as necesidades. Non vamos pecar de soberbios.”

Os 802.222,63 euros servirán para o pago da enerxía eléctrica, a recollida selectiva, melloras no saneamento, abastecemento e limpeza.

PARTIDO POPULAR

O portavoz popular, Javier Castiñeira, indica que “unha vez máis temos que denunciar a incompetencia e a falta de xestión do señor Cajoto e do seu equipo, un equipo de goberno que é o máis amplo e o máis caro que xamais tivo o Concello de Foz; neste caso demostra unha vez máis a súa incompetencia á hora de xestionar as contas municipais”.

Castiñeira explica: “Hai poucos meses aprobáronse os orzamentos para este mesmo ano 2022, que viñeron tardíos e con dificultades das que apercibiu o PP no mesmo pleno. Había partidas que eran absolutamente insuficientes, debido a alta inflación e á suba dos custos; comparado con anos anteriores, entendíamos que serían insuficientes”. Agrega: “Pasou o que  viña dicindo o PP, como pasa moitas veces. E agora  convócannos a un pleno extraordinario para aprobar unha modificación de crédito do orzamento, por case un 10% do que ten o orzamento (802.000 euros), cos que basicamente se suplementa as partidas que dicía o PP. Por exemplo, de enerxía eléctrica  225.000 euros máis, e traballos como acondicionamento de camiños que tamén se levan cantidades grandes”.

Unha vez máis, sinala o portavoz popular, “o PP volveu ter razón cando dicía que os orzamentos que presentaba o señor Cajoto non eran reais, e non contemplaban a inflación”. Engade: “Agora, a finais de ano veñen 802.000 euros máis, o que practicamente representa un 10% dos orzamentos que se aprobaron hai uns meses”.

0.20371294021606