O Concello de Foz investiu 110.000 euros na mellora de camiños na parroquia de Vilaronte
O Concello de Foz investiu 110.000 euros na mellora de distintos camiños na parroquia de Vilaronte. As obras foron posibles polo financiamento do Plan Único 2023 e grazas á aportación do equipo de rega asfáltica do parque de maquinaria da Deputación de Lugo.
O equipo de rega asfáltica da Deputación de Lugo mellorou o firme en algo máis de 2,3 quilómetros da parroquia de Vilaronte: na Baesta, no camiño de acceso aos Castros, no barrio da Espiñeira, na Cernada - Seoane e no vial que une o cemiterio coa estrada a Ferreira, ademais do arranxo da explanada que sirve de estacionamento no cemiterio parroquial.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica que son “camiños que presentaban un firme en mal estado e que dan acceso a vivendas, como no caso do vial á Baesta. Mellorouse o firme cun dobre tratamento en rega asfáltica e limpáronse a cunetas e as marches dos viais”.
O rexedor municipal engade que “un proxecto moi destacado foi o ensanche e aglomerado en quente do acceso ao núcleo de Vilaronte desde a estrada Ferreira - Foz. Con algo máis de 37.200 euros procedentes do Plan Único 2023 resolveuse unha demanda histórica da parroquia de Vilaronte, un traballo que iniciara Pepe Rivera e que permite ao núcleo de Vilaronte dispoñer dunha estrada de acceso digna e segura”.
Fran Cajoto destaca “a boa vontade e a colaboración co Concello dos dous propietarios que cederon os terreos de forma completamente altruísta e que posibilitaron a ampliación da estrada. Unha colaboración desinteresada coa parroquia que lles debemos agradecer”.
O proxecto incluíu a ampliación de algo máis de 245 metros de vial, a mellora do firme con aglomerado en quente, sinalización e disposición de separadores para a senda peonil ao cemiterio.