O Concello de Foz impulsa a modernización do ciclo da auga cun contrato de 29 millóns de euros

Foz
AMariñaXa
O Concello pechará nas vindeiras semanas un contrato de 29 millóns de euros para modernizar o servizo durante 15 anos
Fran-Cajoto-no-Pico-do-Castro-a-carón-do-deposito-de-abastecemento-de-auga-2026
31 Jan 2026

O Concello de Foz formalizará nas próximas semanas o contrato para a xestión integral do ciclo da auga, que inclúe o abastecemento, o saneamento e a depuración. Así o anunciou o alcalde, Fran Cajoto, tras coñecerse a resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, que rexeitou o recurso presentado pola actual concesionaria e permitiu levantar a suspensión da adxudicación aprobada no pleno municipal do pasado mes de novembro.

O servizo será asumido pola empresa Sociedad de Fomento Agrícola Castellonense, S.A. (FACSA) mediante un contrato cunha duración de 15 anos e un importe global de 29 millóns de euros, o maior acordo deste tipo asinado nunca polo Concello de Foz. Segundo explicou o rexedor, o procedemento iniciouse en decembro de 2023 e estivo acompañado da elaboración de novas ferramentas normativas, como a primeira ordenanza de verteduras e do servizo municipal de saneamento, así como do regulamento actualizado de subministración de auga e alcantarillado, publicados en 2025.

O contrato inclúe un importante paquete inversor que rolda os oito millóns de euros ao longo da súa vixencia, con actuacións destacadas como a mellora das plantas potabilizadoras de Fazouro e Cordido, a renovación da tubaxe de abastecemento en alta, a implantación da telelectura de contadores e a creación dun fondo anual para a renovación de infraestruturas.

Máis alá das cifras, Cajoto subliñou que este acordo permitirá garantir a calidade da auga, optimizar a xestión do alcantarillado, controlar os mananciais naturais e operar de forma integrada todas as depuradoras do municipio, reforzando a protección ambiental. O alcalde destacou que a modernización das infraestruturas é clave para acompañar o crecemento de Foz e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

0.13302183151245