O Concello de Foz humanizará a contorna da Sala Bahía e ampliará o patio de xogos da Galiña Azul

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz humanizará a contorna da Sala Bahía e ampliará o patio de xogos da escola infantil A Galiña Azul.
2023 CONTORNA DA SALA BAHÍA E DA GALIÑA AZUL (FOZ)
21 Mar 2023

O Concello de Foz humanizará a contorna da Sala Bahía e ampliará o patio de xogos da escola infantil A Galiña Azul. Destina algo máis de 83.000 euros do Plan Único 2023 para este proxecto .

“Dispoñer dun espazo de encontro e dunha zona peonil de descanso para a Sala Bahía e a Galiña Azul”. Así define o alcalde de Foz, Fran Cajoto, o obxectivo da actuación proxectada para a contorna da Sala Bahía e da Galiña Azul, que “pretende poñer en valor o histórico edificio multiusos de Foz. Estamos a falar dun entorno a onde tódolos días se desprazan familias con pequechos. Unha zona onde centos de persoas acoden a eventos que se celebran na Sala Bahía. Unha área de servizos moi importante que se completa coa estación de autobuses: cremos moi importante crear un espazo seguro, agradable, que facilite os movementos peonís e que ademais poña en valor un edificio tan emblemático como é a Sala Bahía. Cos traballos de asfaltado da explanada traseira do Bahía, que executamos nesta lexislatura, acondicionamos unha importante zona de estacionamento. E con esta nova actuación complétase a urbanización pensando nas persoas”.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destaca que “a Sala Bahía é un edificio histórico para Foz, forma parte da vida de veciñas e veciños que desfrutaron grandes momentos nela. Actualmente continúa tendo unha vida cultura ampla e acolle festivais, teatro ou eventos tan importantes como o Entroido de Foz. Debemos seguir coidándoa para que estea nas mellores condicións. De calquera xeito imos seguir reclamando á Xunta de Galicia que colabore para dotar a Foz, o segundo concello da Mariña, do auditorio que tanto necesita”.

Por outra parte o alcalde explica que “na Galiña Azul temos un problema de espazo para os nenos: o patio de xogos ten unhas dimensións moi reducidas. Por iso, ante a falta de compromiso do Consorcio e as demandas  da dirección da gardería e dos pais e nais do centro, decidímonos a investir fondos a amplialo. Coa modificación da porta de acceso á Sala Bahía -xa realizada nun proxecto anterior- e os traballos definidos imos gañar un novo patio de xogos exterior moi necesario no lateral da Galiña Azul. A gardería pasará dun patio de 117 a 188 metros cadrados, cun pavimento de caucho completamente renovado en toda a superficie”.

Fran Cajoto engade que “as obras, que inclúen unha nova situación dos cubos de lixo, a disposición de catro bancos e árbores ornamentais para crear un entorno agradable, transformarán en peonil o acceso da Galiña Azul e a Sala Bahía desde a Avenida de Viveiro. Novas canalizacións de pluviais, iluminación exterior con catro luminarias led de nova instalación e un firme de formigón impreso daranlle unha nova perspectiva a este espazo tan utilizado da vila”.

“Seguimos traballando para un Foz máis cómodo, coidado e amable”, remata o alcalde.

0.20570516586304