O Concello de Foz e o Centro Dramático Galego organizan unha viaxe para ver "A burra, a mesa e o pau"

O Concello de Foz e o Centro Dramático Galego colaboran para ofrecer aos veciños a oportunidade de asistir gratuitamente á obra A burra, a mesa e o pau, que se representará no Salón Teatro de Santiago de Compostela o domingo 23 de marzo.
Para facilitar o desprazamento, o Centro Dramático Galego pon a disposición 27 prazas nun autobús que sairá ás 14:45 horas do porto de Foz. A función comezará ás 18:00 horas e, ao rematar, ás 20:00 horas, o autobús emprenderá o regreso. O Concello de Foz asumirá o custo das entradas, garantindo así o acceso gratuíto á representación.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destacou a importancia desta iniciativa: “Estamos moi contentos de poder participar nesta actividade e ver unha nova creación do Centro Dramático Galego”.
As reservas poden facerse ata o 20 de marzo a través do teléfono 982.140.027 (extensión 3), no correo cultura@concellodefoz.es ou presencialmente na delegación de Cultura do Concello de Foz. As prazas asignaranse por orde de inscrición ata esgotarse.