O Concello de Foz dispón unha batería de medidas fiscais para paliar os efectos da crise
O Concello de Foz dispón unha batería de medidas fiscais para paliar os efectos da crise económica ocasionada polo COVID-19 desde o vindeiro luns, día 27.
O alcalde, Fran Cajoto, explica que “a crise económica asociada ao COVID-19 está deixando un forte impacto nas familias e no tecido produtivo do concello de Foz, que é eminentemente turístico, con pequenos negocios familiares e unha gran cantidade de autónomos. O peche xeral e obrigado, imprescindible para frear o avance do COVID-19, produciu un desequilibrio moi importante nas contas de familias e do comercio local de Foz. É moi complicado soportar os custos mensuais de calquera negocio sen ningún ingreso, por iso o equipo de goberno valora moi positivamente iniciativas como a presentada pola ACIA de Foz, que está a preparar unha plataforma de venta online. É fundamental que o comercio local, do que estamos orgullosos, volva ter ingresos canto antes”.
O rexedor municipal engade que “ao equipo de goberno do Concello de Foz gústalle a boa xestión, o traballo constante, e non facer brindes ao sol”. A este respecto a segunda tenente de alcalde e concelleira de Facenda, Inés López Couto, indica que “o Concello leva traballando varias semanas nas medidas económicas e fiscais que o Concello de Foz pode aplicar, no marco legal actual e no ámbito das súas competencias, para paliar os efectos da crise económica. É agora, cando xa está conformado o decreto de Alcaldía e grazas ao gran traballo dos técnicos do Concello, cando podemos presentalo á opinión pública. Traballamos sen facer ruído, pero sempre o facemos: non necesitamos grandes titulares”.
Tanto a edil de Facenda como o alcalde explican as medidas fiscais e económicas que o Concello de Foz vai aplicar desde o luns e que “supoñen unha importante redución de ingresos nas arcas do Concello. Creemos que é o momento de que as administracións fagan un esforzo importante e reducir gastos habituais que neste momento deben pasar a un segundo plano. Somos moi serios coas contas do Concello, xa que é o diñeiro de todos. Non paramos de traballar a pesares da crise sanitaria e o Plan Económico Financeiro que estamos obrigados a facer pola pésima xestión das contas que fixo o anterior goberno estanos a retrasar a presentación do orzamento”.
As medidas económicas e fiscais que pon en marcha o Concello de Foz inclúen a eliminacón do cobro das seguintes taxas no período entre o 13 de marzo e o día que se produza o levantamento do Estado de Alarma: Escolas Deportivas Municipais, mercado dos martes, ocupación de vía pública por obras e andamios, Escola de Música e Servizo de Axuda no Fogar para os usuarios que lles foi suspendido o servizo.
Tamén elimínase o cobro das taxas por terrazas aos locais de hostalería durante o Período de Alarma, e a de recollida de lixo a aqueles establecementos que tiveran que pechar as súas portas por estar a súa actividade suspendida durante o Estado de Alarma.
Ademais solicitouse o retraso nos cobros dos padróns tributarios como o imposto de vehículos de Tracción Mecánica, IBI, IAE,...) aos últimos meses do ano, cando se entende que estará superada a fase máis aguda da crise, para aliviar economicamente nestes meses as economías dos veciños. E solicitouse ás administracións o fraccionamento de oficio de xeito xenérico dos impostos.
A aplicación da eliminación de taxas será de oficio salvo a de recollida de lixo, que se poderá solicitar a partir deste luns por sede electrónica e a través dun modelo xenérico conformado polos servizos técnicos do Concello de Foz.
Para rematar Fran Cajoto destaca “o meu apoio e solidariedade a todo o tecido produtivo do concello. Nestes momentos é necesario dar unha mensaxe de apoio incondicional por parte das administracións. Recomendo a tódolos veciños facer as súas compras no comercio local, que tanto emprego xera, e esquecerse de plataformas de multinacionais, que non aportan ningún beneficio ao noso Concello. É momento de apoiarnos entre todos para saír o máis rapidamente posible desta crise. É o momento de traballar todos unidos”.