O Concello de Foz devolverá a taxa do lixo a aqueles que solicitaron a súa exención
Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes para a exención da taxa do lixo debido ás circunstancias do COVID-19, no Concello de Foz procedeuse á súa revisión polos órganos municipais responsables e están resolvéndose. A concelleira de Facenda, Inés López Couto, quere mandar unha mensaxe de tranquilidade: “sabemos que recibirán dentro de poucos días a factura da auga dos meses de marzo e abril co importe do lixo completo, xa que non houbo tempo suficiente para resolver as solicitudes antes de que se enviaran os padróns para o cobro. Tal e como se recolle no decreto da Alcaldía, posteriormente recibirán o abono da cantidade que non debería ser cobrada.”
Inés López Couto engade que “así mesmo os prazos doutros impostos municipais víronse alterados. En canto ao pago do IBI, o primeiro prazo do cal se cargaba a comezos de xuño pasará a xullo; e o imposto de vehículos de tracción mecánica atrásase a agosto. Recórdase que para estes impostos pódense solicitar fraccionamentos en maior número de prazos ou un aprazamento no tempo acudindo ao servizo de recadación municipal. O Concello de Foz está á disposición da poboación para resolver todas aquelas dúbidas que se lles presenten”.