O Concello de Foz convoca tres novos concursos online

Foz
TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
27 Mar 2020

O Concello de Foz acaba de convocar tres novos concursos on line: de fotografía na casa, de poesía e a segunda edición do de debuxo. O prazo para entregar os traballos remata o vindeiro martes, día 31, ás 23:59 horas. Hai que envialos á dirección de correo electrónico concurso@concellodefoz.es.

O 1 de abril daranse a coñecer os gañadores e publicaranse todas as obras recibidas na páxina de facebook do Concello, onde xa están publicadas as bases dos tres certames.

No concurso de fotografía na casa poden participar todas as persoas empadroadas no concello de Foz e hai tres categorías: infantil (ata 12 anos), xuvenil (de 13 a 18 anos) e adultos (maiores de 18 anos).  As fotos deben ser de dentro da casa ou feitas desde a ventá.

O certame de poesía é tamén para todos os empadroados no concello de foz e hai as mesmas categorías que no anterior. As obras deben estar escritas en galego e o tema é a primavera.

E o segundo concurso de debuxo está dirixido a nen@ e moz@s do Concello de Foz e hai 5 categorías: para alumnado de Infantil, de primeiro ciclo de Primaria, de segundo ciclo de Primaria, de Secundaria e de Bacharelato. O tema é a primavera.

O concelleiro de Educación e Cultura, Héctor Moris, explica que “para o concurso de fotografía teñen que ser fotos do interior das vivendas ou feitas dende dentro delas, dado que estamos en confinamento e non podemos saír ás rúas. E a canto ás poesías deben ser dun mínimo dun folio por unha cara e un máximo de 4 caras dun folio. E seguimos facendo o concurso de debuxo dado o éxito que tivo a primeira edición porque estamos falando de case cen nenos que nos mandaron debuxos. Os premios seguen sendo vales de compra para as librerías de Foz. Desta forma tamén pretendemos reactivar un pouco ese comercio que se ve salpicado por esta crise e así polo menos poderá conseguir un pouco de financiamento”.

Héctor Moris engade que “estes concursos o que pretenden é conseguir ese descanso mental, esa evasión, deste confinamento que se nos pode estar facendo duro, sobre todo aos máis pequenos, que están sendo todos uns valentes e uns campións por aguantar dentro das nosas casas. Isto ofrécelles unha alternativa máis de ocio. Podemos conseguir incluso fomentar esa actividade cultural, que está paralizada, e ter un entretemento máis”.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19427299499512