O Concello de Foz convoca dous concursos on line

Foz
TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
19 Mar 2020

O Concello de Foz acaba de convocar dous concursos on line, de debuxo e de relato curto, como opcións de entretemento para os veciños durante o confinamento ocasionado polo estado de alarma. O prazo para entregar os traballos remata o vindeiro martes, día 24.

O alcalde focense, Fran Cajoto, e o concelleiro de Cultura, Héctor Moris, presentaron os certames hoxe, mércores, e explicaron: “sabedores das dificultades que supón para todo os cidadáns o confinamento que estamos a levar a cabo, o Concello de Foz lanza dous concursos: un de debuxo e outro de relato curto. Con estes certames pretendemos ofrecer una actividade lúdica que sexa unha posibilidade máis de entretemento, sobre todo para os máis pequenos, que son os que máis están a sufrir as consecuencias desta situación”.

Cajoto e Moris engaden que “o Concello de Foz sempre está a carón dos cidadáns, especialmente de colectivos tan sensibles como pode ser as nosas nenas e nenos. Por iso pretendemos ofrecer actividades que supoñan una axuda nestes momentos nos que esta corentena fai que as rutinas se vexan alteradas e que o entretemento sexa tan necesario nestes días”.

Desde hoxe e ata o martes 24 poderanse entregar os debuxos e relatos nas diferentes categorías enviándoos á dirección de correo electrónico concurso@concellodefoz.es. O mércores 25 daranse a coñecer os gañadores e  publicaranse todas as obras recibidas nas redes sociais do Concello, onde xa están publicadas as bases.

O concurso de debuxo está dirixido a nen@ e moz@s do Concello de Foz e hai 5 categorías: para alumnado de Infantil, de primeiro ciclo de Primaria, de segundo ciclo de Primaria, de Secundaria e de Bacharelato.

No certame de relato curto poden participar todas as persoas empadroadas no concello de Foz e hai tres categorías: infantil (ata 12 anos), xuvenil (de 13 a 18 anos) e adultos (maiores de 18 anos).

Para os dous concursos hai tres premios por categoría, que consisten en vales de compra de 50, 30 e 20 euros para librerías de Foz.

“Compre destacar que o concurso de relato curto tamén existe a categoría adulto. Sabedores das dificultades do noso comercio os premios serán vales de compra para utilizar nas librerías de Foz”, explican o rexedor municipal e o edil de Cultura, que rematan transmitindo “unha mensaxe de calma e tranquilidade” e destacando “o comportamento exemplar que, unha vez máis, o pobo de Foz está a demostrar nestes tempos difíciles. E recordar que o Concello segue a traballar e está a disposición de todos os cidadáns”.

0.18202495574951