O Concello de Foz continúa coa recomendación de non inxerir auga da traída municipal
O Concello de Foz continúa coa recomendación de non inxerir auga da traída municipal pero a saída da potabilizadora xa mostra valores baixos de trihalometanos.
A alcaldesa en funcións, Inés López Couto, informa que despois dos traballos realizados os resultados das mostras tomadas este martes á saída da ETAP de Fazouro confirmaron que a auga potabilizada nas instalacións cumpre con todos os parámetros de calidade marcados na normativa. “As mostras de auga tomadas á saída da potabilizadora este martes mostran uns valores de trihalometanos por debaixo dos 20 µg/l cando o límite é de 100. Sen embargo os resultados das mostras tomadas en distintos puntos da rede aínda superan ese límite. Podemos ver que a evolución respecto das anteriores mostras é moi favorable, polo que agardamos que unha vez se renove a auga na rede de distribución todos os valores serán correctos. Con esta tendencia, falamos máis de días que de semanas”, explica a rexedora.
Ademais da substitución dos filtros de area por unha arlita especial, que supón unha inversión de máis de 53.000 euros e que xa está en fabricación, da intensificación das tarefas de mantemento na rede de distribución e da modelización do potencial de xeración de trihalometanos no sistema que está en proceso, a vindeira semana comezarán a implantarse as seguintes actuacións de mellora:
- Mellora na regulación do caudal de entrada de auga bruta á potabilizadora.
- Nova automatización da dosificación de reactivos na planta potabilizadora.
- Medición en continuo de parámetros de calidade da auga na planta de tratamento.
- Medición en continuo de parámetros de calidade da auga nos depósitos de cabeceira de Fazouro e automatización da dosificación de reactivos no depósito.
“Pedimos de novo desculpas polas molestias. Estamos a traballar de forma moi intensa para solucionar un problema que se alarga demasiado no tempo”, remata Inés López.