O Concello de Foz celebra esta fin de semana a Feira da Espiñeira, teatro e o Festival infantil do Feitizo

Foz
AMariñaXa
Na Feira haberá mercado, música e carreiras de cabalos, así coma pulpería para gozar dun día especial para os amantes dos animais
Feira-de-Espiñeira-de-Foz-2024
14 Xuño 2024

A programación cultural do Concello de Foz para este mes de xuño continúa coa segunda parte do certame de teatro e coa Feira da Espiñeira.

“A primavera finaliza e chega o verán. O mes de xuño avanza cargado de eventos en Foz cunha nova fin de semana con teatro e tamén coa tradicional Feira da Espiñeira”, anuncia o Concello.

Esta tarde, ás 20.00 horas o grupo teatral Ollomao presentará na Casa da Cultura a súa obra 'O traballo de Andrea', sendo o sábado a representación á mesma hora de 'A Lola', de Avelaiña Teatro.

O domingo nunha función familiar ás 18.30 horas, na mesma Casa da Cultura, poderá desfrutarse de 'Avoa, xogamos?', da compañía Alentía Teatro.

Esta fin de semana tamén será o Festival infantil do Feitizo, este ano en colaboración coa asociación O Atrio de Vilaronte, ao lado da igrexa, no propio atrio. Será o sábado ás 19.00 horas. E a continuación haberá pregón e churrascada, organizada pola comisión do San Xoán de Vilaronte.

Ademais, o domingo a partir das 11.00 horas a nova edición da Feira da Espiñeira dará comezo. Coma o ano pasado, os animais estarán situados nun prado traseiro do Campo da Feira, habilitado para acoller os mesmos. Haberá mercado, música e carreiras de cabalos, así coma pulpería para gozar dun día especial para os amantes dos animais.

O alcalde e o concelleiro de Festas, Fran Cajoto e Ángel Fernández, desexan que “veciños e visitantes se acheguen a todos os eventos que se organizan en Foz e que pregoan a chegada do verán”.

0.21169304847717