O Concello de Foz aproba a licitación do novo contrato da auga cun investimento de máis de 29 millóns de euros

Foz
AMariñaXa
O alcalde, Fran Cajoto, destaca que é o contrato máis importante da lexislatura e inclúe melloras na rede de abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais
Concello-de-Foz-2025
7 Mar 2025

O Concello de Foz aprobou no pleno ordinario deste xoves, 6 de marzo, co voto a favor do PSdeG-PSOE e a abstención do PP e BNG, a licitación do contrato de concesión do servizo de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración de augas residuais do concello de Foz.

O alcalde, Fran Cajoto, destaca: “levamos traballando moito tempo neste expediente e teño que agradecer o traballo intenso e inxente de todos os técnicos. En xaneiro do 2024 aprobamos en pleno o estudio de viabilidade e as novas tarifas, co voto favorable de PSOE e BNG, e en abril aprobouse a estrutura de custes e unha rectificación do estudio de viabilidade. A este pleno trouxemos a ordenanza de verteduras e do servizo municipal de saneamento, o regulamento do servizo de subministro de auga e saneamento e os pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas do novo contrato. Fixemos reunións técnicas cos redactores dos documentos e con todos os grupos municipais para que todos tiveramos un coñecemento máis profundo da materia, así como unha reunión adicional a petición do Partido Popular, na que nos requiriron o arranxo do campo de herba artificial de Malates, co que estamos moi de acordo, ou a inversión noutra obra aínda por definir. Os populares e o BNG coa abstención apoiaron tacitamente a licitación e estamos moi satisfeitos con esta actitude, xa que redunda no interese xeral do pobo.”

O contrato de concesión do servizo de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración de augas residuais do Concello de Foz é, en palabras do alcalde, “o máis importante, por volume e necesidade, que imos levar a cabo nesta lexislatura e que se tramitou nunca no Concello de Foz. Serán algo máis de 29 millóns de euros e 15 anos de xestión sen posibilidade de prórroga. As novidades máis destacables serán o mantemento preventivo que imos poder facer na rede de saneamento - ata o de agora dependía do persoal de obras municipal- , a xestión completa do sistema de depuración -incluíndo bombeos e as fosas de Santa Cilla, San Martiño e Santo Acisclo, que ata o de agora non estaban incluídas- e as inversións que se van a facer no inicio e durante o novo contrato”.

As empresas que se presenten ao concurso poderán ofertar para obter máis puntuación a realización dunha inversión de 500.000 euros para a renovación da condución xeral de abastecemento entre os depósitos de Fazouro e Pico do Castro. Ademais están obrigadas a aportar un canon inicial de 1,1 millóns de euros para o ciclo integral da auga e a mellorar as plantas potabilizadoras de Cordido e Fazouro. “A adxudicataria estará obrigada a mellorar a captación e o sistema de filtrado en Cordido, con 100.000 euros, e a executar unha renovación integral da potabilizadora de Fazouro, cunha inversión de 1,1 millóns de euros. O obxectivo é substituír completamente o sistema de decantación, mellorar reactivos e dispoñer un pre-tratamento con ozono para evitar que se volvan repetir os problemas do verán do ano 2023 coa formación de trihalometanos por encima dos niveis permitidos por exceso de materia orgánica. Imos dispoñer ademais dunha partida anual de 58.000 euros, que poderá verse incrementada coas ofertas para investir na mellora da rede, que presenta roturas e problemas en zonas do casco urbano e das parroquias. O investimento que se contempla no contrato é por tanto de algo máis de 3,67 millóns de euros, en actuacións moitas delas xa definidas e moi necesarias para un bo funcionamento de toda a rede. Queremos dispoñer de auga da máxima calidade nas nosas billas e coidar a nosa ría e o noso mar, devolvendo un caudal completamente depurado ao medio. Isto debe continuar a ser un traballo do conxunto da corporación municipal”, remata Fran Cajoto.

0.15227603912354