Foz adxudicou varias obras de humanización da vila
O Goberno local de Foz vén de adxudicar as obras de humanización das rúas Eduardo Pondal, Salvador de Madariaga, Irmandiños, Curros Enríquez e Praza de Galicia á empresa Construcciones y Canalizaciones José Saa SL por 752.519,34 euros (IVE incluído). A licitación da obra, feita polo procedemento de contrato aberto, está financiada en 544.000 euros pola Deputación de Lugo, aportando o Concello os máis de 200.000 euros restantes.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, indica que a empresa adxudicataria ofertou as melloras que incluía o prego de licitación. “A obra principal consiste na humanización completa do eixo entre a Glorieta de Vilalba e o Campo da Cabana, o que coñecemos pola calle das Casas Baratas e os viais que rodean a Praza de Galicia. Vanse ampliar as beirarrúas facéndoas accesibles, novos colectores de saneamento con rede separativa de pluviais e fecais, novas conducións de electricidade, abastecemento e outros servizos, un novo firme para todas as rúas e a disposición de mobiliario urbano, ademais da mellora das farolas existentes dispoñendo luminarias led cun menor consumo e unha mellor calidade lumínica”.
O rexedor municipal destaca que as melloras ofertadas supoñen unha mellora moi notable do proxecto construtivo inicial: “o conxunto das melloras supoñen un investimento adicional de 86.295,85 euros. Este orzamento correspóndese coa substitución das cinco farolas que cirdundan a Praza de Galicia, retirándoas das fachadas e dispoñendo novas luminarias led sobre báculos, o cal non estaba contemplado. Tamén se vai urbanizar completamente de novo a rúa do Xico e unha pequena travesía na rúa Irmandiños, o cal non estaba contemplado no proxecto construtivo. A maiores imos retirar o panel informativo da glorieta de Vilalba, obsoleto e en desuso, substituíndoo por un tótem publicitario tradicional para mellorar a información a veciñas e veciños de Foz”.
O Concello de Foz informará do comezo das obras, unha vez que se rematen todos os trámites administrativos necesarios previos ao inicio dos traballos.