O Concello de Cervo reúnese cos apicultores para reforzar a loita contra a velutina

AMariñaXa
Entregáronse atraentes de balde para capturar raíñas e frear a expansión da especie invasora
reunion-apicultores-cervo-velutina-2025
6 Mar 2025

A concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, e o concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, mantiveron un novo encontro cos apicultores do municipio para analizar a incidencia da avespa velutina e avaliar a situación actual da praga.

Segundo explicaron os representantes municipais, o obxectivo desta reunión foi seguir apoiando ao sector apícola local e protexer, na medida do posible, o seu traballo e o das súas abellas. “Dende que temos constancia da presenza desta especie invasora no noso Concello, mantemos o noso compromiso cos apicultores e tentamos axudar a minimizar os danos. A campaña de entrega de atraentes de balde, iniciada en 2017, demostrou a súa eficacia na captura de raíñas e seguimos apostando por ela”, indicaron.

Durante o encontro, tras analizar a evolución das colmeas, procedeuse á entrega de novo produto atraínte de balde. A primavera é o momento crucial para capturar as raíñas e frear a proliferación de niños nos vindeiros meses. “A eficacia deste sistema depende de que todos o utilicemos de xeito responsable. Ao entregar o produto, tamén compartimos unha mensaxe de compromiso e responsabilidade. Todos temos un papel fundamental nesta loita, xa sexa colocando trampas, informando da presenza de niños ou difundindo información sobre os perigos desta especie invasora”, subliñaron os edís.

⚙ Configurar cookies
0.2690851688385