O Concello de Cervo renovará a estradas de Laxes ao Vilar
Vaise renovar a estrada que transcorre polos núcleos de Laxes, O Bidueiro e a estrada de Vilar, na parroquia de Sargadelos, aumentando o seu ancho co obxectivo mellorar a accesibilidade e a seguridade vial.
O alcalde, Alfonso Villares, xunto coa tenente alcalde, Dolores García Caramés, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, mantivo un encontro con varios veciños destes núcleos para explicarlles a actuación que se vai levar a cabo nos vindeiros meses.
O obxecto desta obra é realizar unha renovación do firme da zona, cubrindo todo o ancho do vial, o que proporcionará unha amplitude suficiente para o tránsito de vehículos en dúas direccións, mellorando a seguridade vial. Ademais, substituirase a rede de abastecemento de auga existente, por unha nova que ofreza mellores prestacións, así como tamén se executará un novo saneamento de pluviais e fecais, que de servizo aos núcleos da zona.
O orzamento desta actuación ascende a un total de 195.107 euros, financiados con fondos procedentes do Plan Único.
O rexedor destacou que “con esta actuación melloramos a dotación de infraestruturas básicas existentes, así como tamén a accesibilidade e a calidade de vida da parroquia de Sargadelos”.
Villares sinala que “seguimos a traballar para equilibrar a balanza de servizos para qie claquera persoa que viva nunha zona rural poida gozar das mesmas condicións que unha que viva nunha zona urbana”.
Por último, apuntou que “este tipo de actuacións nacen froito da comunicación constante que desde o executivo municipal mantemos cos veciños e veciñas”.