O Concello de Cervo renova o seu apoio ao Club Medela MTB cun novo convenio de colaboración

O Concello de Cervo continúa nos últimos días do ano coa sinatura de convenios de colaboración con diferentes entidades deportivas, sociais e culturais do municipio, unha liña de traballo coa que o goberno local quere recoñecer o labor esencial que desenvolven de maneira altruísta en beneficio do conxunto da veciñanza.
Neste contexto, a alcaldesa, Dolores García Caramés, mantivo un encontro co presidente do Club Medela MTB, David Riera, no que se formalizou un novo convenio de colaboración. O acordo contempla unha achega económica de 8.200 euros destinada a cubrir gastos de equipamento e material deportivo, así como a apoiar as tarefas de roza e mantemento do circuíto e das rutas que emprega o club para o desenvolvemento da súa actividade.
A rexedora destacou o “enorme traballo que está a realizar o Medela MTB coa base”, salientando o seu papel na formación das persoas máis novas a través da transmisión de valores como o esforzo, a constancia, o compañeirismo e o respecto pola natureza. Ademais, puxo en valor o compromiso da entidade co coidado do entorno, mantendo en boas condicións espazos que son utilizados tanto polos deportistas como pola veciñanza en xeral.
García Caramés subliñou tamén o carácter altruísta das persoas que integran o club, “que dedican unha parte importante do seu tempo libre a promover o deporte, os hábitos de vida saudables e a dinamización do municipio”. Nesa mesma liña, asegurou que desde o Concello de Cervo se continuará colaborando co Medela MTB “en todo o que estea na nosa man, poñendo a disposición os medios materiais e humanos necesarios para apoiar unha labor que resulta moi positiva para Cervo e para a súa contorna”.