O Concello de Cervo renova as axudas ao transporte para o alumnado que estuda fóra do municipio

O Concello de Cervo vén de activar unha nova convocatoria das axudas ao transporte dirixidas ao alumnado que cursa estudos fóra do termo municipal en especialidades formativas que non se imparten no propio concello. A iniciativa ten como obxectivo apoiar ás familias e facilitar a continuidade da formación académica e profesional da mocidade cervense.
A entrega das notificacións ás persoas beneficiarias tivo lugar na Casa da Cultura e correu a cargo da alcaldesa, Dolores García Caramés. Nesta edición, son 35 os estudantes que accederán a estas achegas económicas, cunha contía de 150 ou 250 euros en función do nivel de ingresos da unidade familiar.
A rexedora salientou que este programa “responde á vontade do Concello de acompañar ás familias de Cervo ao longo do proceso educativo dos seus fillos e fillas”, subliñando ademais que o investimento se realiza con cargo exclusivo ao orzamento municipal. Neste senso, destacou que a medida reafirma o compromiso do goberno local coa educación como un dos piares fundamentais para o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade.
Desde o Concello incídese en que estas axudas teñen como finalidade garantir a igualdade de oportunidades, evitando que as dificultades económicas ou os problemas de mobilidade poidan converterse nun obstáculo para continuar os estudos.
O programa está destinado a alumnado menor de 30 anos empadroado no Concello de Cervo e ten en conta a situación económica da unidade familiar. As axudas abrangue estudos universitarios, ensinanzas musicais, Bacharelato en modalidades que non se ofertan no municipio, ciclos de Formación Profesional de grao medio e superior, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, así como ensinanzas deportivas.
Con esta convocatoria, o Concello de Cervo mantén a súa liña de apoio continuado á educación, apostando por facilitar o acceso á formación en condicións de igualdade para a veciñanza máis nova e contribuíndo a que poida desenvolver o seu futuro académico e profesional sen limitacións derivadas do lugar de residencia.