O Concello de Cervo renova a varanda do Parque das Lobeiras para mellorar a seguridade e a estética da zona

O Concello de Cervo vén de completar a renovación total da varanda do Parque das Lobeiras, un espazo natural moi utilizado polos veciños e veciñas da localidade. A actuación, sufragada integramente con recursos propios do municipio, supón unha mellora importante tanto no ámbito da seguridade como no estético deste punto de encontro.
Os traballos consistiron na retirada da estrutura anterior, xa deteriorada, e na instalación dunha nova varanda de ferro, un material que, segundo destacan desde o goberno local, destaca pola súa alta resistencia, durabilidade e un mantemento reducido. A alcaldesa, Dolores García Caramés, explicou que esta intervención “responde á vontade do Concello de seguir mellorando as infraestruturas municipais, especialmente aquelas que forman parte dos espazos de lecer e convivencia cidadá”.
A rexedora salientou que se trataba dunha obra “necesaria”, acometida con fondos municipais “para dar unha resposta áxil e eficaz á demanda da veciñanza e garantir a seguridade neste espazo público, evitando así riscos innecesarios”. Ademais, subliñou que a nova varanda contribúe a reforzar a estética da contorna, integrándose no entorno natural do parque.
Desde o Concello lembran que o Parque das Lobeiras é un dos espazos máis utilizados pola poboación para o paseo e o desfrute do tempo libre, polo que consideran esencial manter estas infraestruturas en bo estado. A renovación da varanda, apuntan, é unha mostra máis do compromiso do goberno local “co mantemento e mellora continua dos espazos públicos, apostando sempre por materiais de calidade e actuacións que permitan garantir a súa conservación a longo prazo”.