O Concello de Cervo reforza o apoio ás ANPAS con axudas económicas para o curso escolar

AMariñaXa
A alcaldesa, Dolores García Caramés, mantivo un encontro cos colectivos educativos e fixo entrega de 1.250 euros a cada asociación
CERVO-Axudas-ANPAS-2025
15 Dec 2025

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, reuniuse coas representantes das ANPAS dos centros educativos do municipio nun encontro de traballo no que se abordaron diversas cuestións relacionadas co funcionamento diario dos colexios e coa actividade que desenvolven estes colectivos ao longo do curso. Durante a reunión, o Concello fixo entrega dun cheque de 1.250 euros a cada asociación, unha achega destinada a apoiar as iniciativas que impulsan no ámbito educativo, lúdico e cultural.

García Caramés destacou o papel fundamental que desempeñan as ANPAS na vida escolar e puxo en valor o seu traballo constante a prol da comunidade educativa. Segundo sinalou, esta contribución municipal ten como finalidade favorecer o desenvolvemento de actividades que complementan a formación do alumnado e que axudan a crear unha contorna educativa máis dinámica, participativa e enriquecedora.

A rexedora explicou tamén que estas axudas permiten ás asociacións afrontar con maior facilidade os gastos habituais derivados do seu funcionamento interno, ofrecéndolles un respaldo económico que lles dea estabilidade e marxe de actuación ao longo do curso académico.

“Con esta subvención reafirmamos o compromiso do Concello coa educación, que é a base sobre a que se constrúe o futuro das novas xeracións”, concluíu a alcaldesa, subliñando a importancia da colaboración entre administracións e comunidade educativa.

⚙ Configurar cookies
0.077343940734863