O Concello de Cervo reclama á Deputación unha roza urxente nas vías provinciais pola súa situación de abandono

AMariñaXa
A policía local alerta do perigo que supón a vexetación crecida que reduce a visibilidade e pon en risco a seguridade viaria
Cervo-maleza-estradas-provinciais-xullo-2025
3 Jul 2025

O Concello de Cervo vai solicitar formalmente á Deputación de Lugo a limpeza inmediata das estradas provinciais que discorren polo municipio, debido ao grave estado de descoido que presentan. A maleza invade os arcéns en ambas as marxes, xerando un risco considerable tanto para a circulación como para os veciños.

Esta petición xurde tras unha inspección levada a cabo pola Policía Local, que recolleu nun informe o estado das principais vías provinciais: L-15-2 (que conecta Burela, Vilaestrofe e Rúa), L-15-3 (por Ríocobo, Castelo, Trasbar e San Román), L-15-4 (que atravesa Ríocobo, Viladesuso e Sargadelos), L-15-6 (entre Cervo e Rueta), L-15-8 (paraño e Figueirido) e a L-15-10, coñecida como a carretera da Costa.

O informe sinala que o crecemento descontrolado da vexetación invade os bordos das vías nos dous sentidos, limitando a visibilidade, diminuíndo o espazo útil para o tráfico e aumentando a posibilidade de accidentes.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou que “estas son vías con un importante volume de tráfico que unen diversos núcleos da nosa localidade, polo que é fundamental que estean en condicións óptimas para garantir a seguridade de toda a cidadanía”. Engadiu que “levamos tempo comunicando esta problemática e entendemos que é preciso actuar canto antes, por responsabilidade, salubridade e o benestar da veciñanza”.

Dende o Concello, subliñan a necesidade de establecer un plan de mantemento regular destas vías, recordando que a súa conservación é competencia da Deputación de Lugo. Ademais, puntualizan que o ano pasado as labores de roza realizáronse no mes de setembro, un momento pouco adecuado, dado que a vexetación comeza a medrar xa en maio. Por iso, reclaman que esta vez se planifique e execute a limpeza en tempo e forma para evitar que a situación se repita.

⚙ Configurar cookies
0.13817310333252