O Concello de Cervo pretende mellorar e acondicionar as zonas de Penido e Cuiña
Con esta actuación vaise mellorar a seguridade da veciñanza e facilitarase o tránsito de vehículos en ambas dirección.
O Concello de Cervo pretende mellorar e acondicionar as zonas de Penido e Cuiña. O alcalde, Alfonso Villares, a tenente alcalde, Dolores García Caramés, e a delegada de Obras e Infraestruturas, Mali Méndez, achegáronse ata a zona onde se proxecta a actuación xunto con Carmen Fernández, pedánea de Cuiña, para proporcionarlle a información sobre a obra que se vai realizar nas vindeiras datas.
O proxecto contempla a creación de cunetas de formigón para anchear os viais, de maneira que se permita a circulación con máis seguridade. Levantarase, tamén, un muro de dique para a contención da estrada e estableceranse elementos de drenaxe feitos de formigón en masa.
Por outra banda executarase unha soleira de formigón para albergar os contedores e instalaranse dous suxeitacontedores de aceiro inoxidable.
O orzamento desta execución elévase ata os 52.440 euros, que correrán a cargo do remanente das arcas municipais.
O rexedor, Alfonso Villares, argumenta que “esta actuación pretende mellorar a seguridade nos viais que transcorren polas zonas de Penido e Cuiña, facilitando a circulación dos vehículos pola estrada en ambas direccións”.
“Con esta obra incrementamos as infraestruturas básicas nestes dous núcleos de poboación, mellorando a accesibilidade e a calidade de vida da veciñanza nesta zona rural do noso municipio” apuntou o alcalde.