O Concello de Cervo presenta o seu tradicional calendario de Nadal

AMariñaXa
O Concello de Cervo felicita á veciñanza do municipio co seu tradicional calendario de Nadal. Editáronse 2.200 exemplares
calendario Nadal cervo 2023
1 Dec 2023

O Concello de Cervo vén de presentar o seu tradicional calendario de Nadal que irá chegando nos próximos días a cada un dos fogares cervenses.

Nesta ocasión, o almanaque está protagonizado polas asociacións culturais e polos colectivos de mulleres do municipio “cuxa actividade é absolutamente esencial no día a día do municipio”, precisou a rexedora, que cederon cadansúa instantánea para ilustrar mes a mes este almanaque tan especial.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, a tenente de alcaldesa, Mali Méndez, a edil de Muller e Igualdade, Pilar Armada e o concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, mantiveron un encontro cos representantes dos diferentes colectivos no salón de plenos do Concello, para amosarlles de primeira man o resultado da recompilación fotográfica, e para entregarlles os primeiros exemplares deste calendario do que se editaron 2200 unidades que serán repartidas por todos os fogares cervenses.

Tal e como apuntou a rexedora, “este calendario é xa é un clásico do Concello de Cervo por estas datas, e cremos que é unha ferramenta moi útil para os nosos veciños porque recolle todas as datas importantes que terán lugar ao longo de todo o ano en Cervo, e tamén as festividades e días importantes que se conmemoran e celebran a nivel nacional; ademais dos teléfonos de interese do noso Concello”.

Toda esa información vai incluída nun deseño moi especial e moi noso, nesta ocasión visiblemente renovado, presentando unha nova imaxe, pero mantendo o espírito co que foi concibido, co fin de recuperar ano tras ano anacos da nosa historia protagonizados nesta ocasión por estes colectivos, pero que irán mudando edición tras edición “grazas ao rico tecido social, cultural e asociativo que temos no noso municipio” que nos permite dispoñer dun álbum fotográfico extraordinario para poder editar este calendario que é xa parte da historia recente de Cervo.

O Concello de Cervo felicita así, con este almanaque, o Nadal á veciñanza “co desexo de poñerlle cor agora ás 365 páxinas en branco que están por escribir, coa ilusión, as ganas e o desexo de enchelas de bos momentos compartidos e deses proxectos gratificantes soñados por cada un de nós”; tal e como precisa a rexedora a través da carta que encabeza o calendario.

A edición do almanaque marca o inicio do Nadal no Concello de Cervo, que acenderá toda a iluminación coincidindo coa ponte de decembro, a próxima semana; tamén se están instalando estes días bonecos de neve elaborados con material de refugallo en todas as parroquias, e un espazo decorado con residuos procedentes do medio mariño na contorna da Casa do Mar, en San Cibrao; “que complementan a xa tradicional decoración do Concello e enxalzan o espírito do Nadal das parroquias”.

0.1873619556427