O Concello de Cervo pon en valor o traballo de Saúde Mental A Mariña cos calendarios do programa Arruguiñas

AMariñaXa
A alcaldesa visitou os centros da asociación no municipio e compartiu unha xornada de convivencia coas persoas usuarias
CERVO-visita-Senra-Saude-Mental-2026
10 Feb 2026

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, realizou nos últimos días unha visita aos dous centros que a asociación Saúde Mental A Mariña mantén no municipio, unha ocasión que serviu para facer entrega dos calendarios municipais deste ano, que teñen como fío condutor o programa Arruguiñas. Esta iniciativa céntrase no envellecemento activo e conta coa participación directa das persoas usuarias da entidade.

Os homes e mulleres da asociación forman parte activa dos obradoiros terapéuticos que se desenvolven cada venres na Casa do Mar, un espazo de encontro no que se traballa a estimulación, a convivencia e a integración social dentro dun programa integral orientado a fomentar a autonomía persoal e a participación comunitaria.

Durante a visita, a rexedora compartiu unha merenda coas persoas usuarias e con parte do persoal tanto da Residencia Resort, situada na Praza do Souto, como da unidade residencial da Senra. A xornada estivo marcada por un ambiente próximo e distendido, no que non faltaron as conversas e as mostras de complicidade. As persoas participantes amosáronse moi satisfeitas coa iniciativa, cualificando a experiencia como “unha tarde perfecta” e destacando a ilusión que lles produciu verse e recoñecerse nas imaxes do calendario.

Dolores García Caramés aproveitou o encontro para salientar o labor social e terapéutico que desenvolve Saúde Mental A Mariña, así como para agradecer a súa implicación constante nas actividades promovidas polo Concello. Segundo indicou, o traballo da asociación resulta clave para avanzar cara a un Cervo máis inclusivo, solidario e comprometido co benestar de todas as persoas.

⚙ Configurar cookies
0.082609891891479