O Concello de Cervo pídelle á Deputación a limpeza das vías provinciais

AMariñaXa
Cervo úrxelle á Deputación provincial a limpeza e acondicionamento das vías da súa titularidade, que están invadidas pola maleza
cervo deputacion roza estrada
8 Xul 2022

O Concello de Cervo vén de urxirlle por escrito á Deputación provincial que acometa as tarefas de roza e acondicionamento das vías que son da súa titularidade e que “xa iniciado o verán, presentan unha imaxe de absoluto abandono” xa que “están completamente invadidas pola maleza”.

Desde a administración local non se explican como a estas alturas do ano as estradas da Deputación presentan este aspecto descoidado “e non estamos a falar dun feito puntual, senón que é un feito recorrente que se repite verán tras verán”. A falta de previsión –apuntan- é evidente e a desidia da Adminsitración autonómica tamén.

Desde o Concello de Cervo pídenlle pois, encarecidadamente, á Deputación Provincial que asuma a súa responsabilidade e que acondicione estas estradas con urxencia “porque o verán xa comezou oficialmente, e como saben –indica a tenente de alcalde Dolores García Caramés- é nestas datas cando o fluxo de peóns e tamén de vehículos se ve notablemente incrementado, co correspondente risco que supón a falta de visibilidade e de espazos adecuadamente transitables que detectamos e identificamos en numerosos puntos destas estradas provinciais”.

Ante a inoperancia da Deputación, xa iniciado o mes de xullo, Méndez avanza que dado o  aspecto “selvático” que presentan algunhas zonas do municipio “o Concello tomará a iniciativa de comezar a limpar nas zonas máis transitadas”; agardando que o organismo provincial asuma a súa responsabilidade axiña. 

Así, avanzou que o persoal municipal realizara tarefas de roza e limpeza nas vindeiras horas nas beirarrúas que unen Río Covo e San Ciprián; cuxo mantemento –recorda- “é exclusivo da Deputación”.

0.1885769367218