Cervo organiza para esta ponte unha ampla gama de actividades culturais
O Concello de Cervo organiza para esta ponte de decembro un amplo abano de actividades culturais.
Na tarde de hoxe a Concelleira de Cultura, Dolores García Caramés, xunto co grupo de mozos do concello encargados de organizar as batallas de rap, presentaron na Casa da Cultura o programa de eventos que se desenvolverán desde o sábado 4 ata o mércores 8 de decembro.
A programación ábrese o sábado ás 21H na Praza dos Campos, onde Alberto e Ángel Sevilla ofrecerán un concerto dentro do ciclo de concertos "O Son do Nordeste".
Para a xornada de domingo á mañá temos en Cervo O legado de Tibu, un espectáculo de patinadores e música. Dará comezo ás 12:30 na Praza do Souto.. Xa pola tarde, a programación continúa coa celebración da terceira xornada das batallas de rap no Auditorio da Casa da Cultura, que comeza ás 16:30. Este evento é unha novidade dentro da programación cultural de xuventude do Concello, no que mozos e mozas botan a tarde celebrando desafíos entre eles de forma amigable e outro tipo de actividades relacionadas co rap.
O luns 6 de decembro, dentro do ciclo de concertos A Caixa de Música, o grupo Acordeóns da Mariña dará un concerto ás 13:30 na Praza do Souto.
Na mañá do martes 7 ás 12:30, na carpa da Praza dos Campos, teremos o espectáculo circense Asocirco Show. Xa pola noite, ás 21:00h , teremos na carpa da Praza do Souto a Jorge Menéndez, que dará un concerto dentro do ciclo O Son do Nordeste.
Por último, o mércores 8 de decembro, A Caixa de Música pecha a programación da ponte co concerto de música cubana a cargo do grupo Toxo Guayaba. A cita terá lugar ás 13:30 na Praza dos Campos de San Ciprián.
Apunta a delegada García Caramés: ofrecemos para esta ponte unha programación ampla e variada, que contén concertos, espectáculos circenses e actividades xuvenís, cos que pretendemos atender as inquietudes de todos os grupos de idade. Recorda que para os eventos ao aire libre que se van celebrar tanto na Praza dos Campos como na Praza do Souto, temos dúas carpas que se instalaron o mes pasado para a celebración deste tipo de eventos, e protexerá aos asistentes sempre que climatoloxía non acompañe.
Engade a concelleira que desde o concello facemos unha forte aposta pola cultura, pois esta programación é a continuación de todas as actividades que levamos facendo desde o verán e que se seguirán facendo nas seguintes semanas.