O Concello de Cervo mellora un camiño veciñal no lugar da Praza, en Castelo

AMariñaXa
A actuación municipal facilita o acceso á fonte de Xan Ramos e incrementa a seguridade do tránsito
Concello-Cervo-edificio-casa-consistorial-1-scaled
21 Jan 2026

O Concello de Cervo vén de executar unha actuación de mellora nun camiño situado no lugar da Praza, na parroquia de Castelo, co obxectivo de facilitar o tránsito diario da veciñanza e mellorar o acceso á fonte de Xan Ramos, un punto de uso habitual na zona. A intervención foi financiada con fondos municipais e permitiu acondicionar un treito moi empregado tanto por peóns como por vehículos.

O camiño, que presentaba un notable desgaste derivado do uso continuado, ten unha lonxitude aproximada de 130 metros e un ancho medio de tres metros, o que supón unha superficie próxima aos 390 metros cadrados. Os traballos realizados incluíron a limpeza e preparación do firme, así como a aplicación dunha nova capa de rodadura mediante rego asfáltico, coa finalidade de mellorar a comodidade e a seguridade dos desprazamentos.

Ademais da pavimentación, leváronse a cabo labores de acondicionamento xeral da contorna, centrados especialmente en garantir unha drenaxe adecuada da auga, un aspecto clave para prolongar a durabilidade da actuación e evitar futuros deterioros do camiño.

Ata o lugar desprazouse a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada polo concelleiro Adrián Arias e polo pedáneo da zona, Jesús Otero, para supervisar o resultado final dos traballos. A rexedora subliñou que se trata dunha actuación “que os propios veciños e veciñas de Castelo viñan demandando desde hai tempo” e que permitirá contar cun acceso “máis seguro e cómodo para o uso diario, especialmente cara a un punto tan frecuentado como a fonte de Xan Ramos”.

García Caramés destacou tamén a importancia de seguir actuando neste tipo de infraestruturas de pequeno tamaño pero de grande utilidade. “Desde o Concello imos continuar traballando na mellora de camiños e vías en Castelo e no conxunto do noso rural, apostando por atender cada punto do municipio”, sinalou, facendo fincapé en que estes tramos “son fundamentais para o día a día da xente e para manter a calidade de vida da veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.076248168945312