O Concello de Cervo mellora o cemiterio de Sargadelos con sistemas de recollida de augas

O Concello de Cervo acomete estes días traballos de mellora no cemiterio de Sargadelos, a través da instalación de sistemas de recollida de augas pluviais co fin de protexer e mellorar a instalación, moi exposta á humidade.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, achegáronse ata o camposanto en compañía do pedáneo Luis Peña, para ver in situ os traballos que supoñen un orzamento superior aos 10.000 euros procedentes das arcas municipais.
Tal e como explicou a rexedora “os traballos consistiron na execución dunha zona de aparcamentos, e na evacuación de augas da vía, para evitar as filtracións ao interior do cemiterio” como “lugar de memoria, respecto, e conexión cultural, asumimos a nosa responsabilidade de coidalo e preservalo, protexendo o espazo das inclemencias do tempo”.
Con estes traballos –engadiu- garantiremos que as augas pluviais que se acumulaban na vía non afecten á integridade das estruturas do camposanto e sexa un espazo seguro, limpo e digno.